publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

A Consellería de Educación contrata as obras de ampliación do IES Francisco Asorey por 769.000 euros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCambados
A-
A+

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de formalizar o contrato para levar a cabo as obras de ampliación do IES Francisco Asorey, en Cambados, por un importe de 768.989,15 euros, tal como publica hoxe o Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170215/AnuncioG0164-020217-0001_gl.html ).

Unha vez formalizado o contrato, a Consellería está a espera de obter a licenza municipal pertinente para realizar as obras. En calquera caso, a complexidade da actuación (que inclúe o desmonte de parte da cuberta existente, e a cimentación e reforzo da estrutura, entre outros) aconsella que os traballos se leven a cabo fóra do horario lectivo. De tal xeito, para garantir a axilidade e a seguridade das obras, a Consellería prevé que comecen no mes de xuño, sempre e cando se dispoña da autorización municipal.

O obxectivo da actuación é dar resposta ás necesidade de escolarización deste centro, concretamente no referido á formación profesional. Non en balde, as obras teñen como principal función acoller a FP Básica e mais a adaptación dos ciclos profesionais a 2000 horas. Así mesmo, levaranse a cabo distintas melloras nas instalacións existentes na totalidade do centro educativo.

A obra iniciarase co reforzo estrutural da edificación e a demolición dunha parte da cuberta existente para proceder á construción de novos espazos destinados a aulas e espazos polivalentes. A ampliación, que se realizará no segundo andar da edificación actual, contempla a construción de 2 aulas polivalentes, 3 aulas taller e 2 aulas de desdobre, en total 7 novas aulas, ademais de aseos adaptados para o profesorado e almacén de limpeza, nun total de 656,90 m². Ademais, faranse as melloras necesarias para facilitar o acceso ao novo volume e para integralo no conxunto do edificio actual

A obra está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020, eixe 10, obxectivo específico 10.05.01. (expediente ED 31/16-O).

15 de febreiro de 2017 | 16:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.