publicidade hoxe

A concellería de Deportes muda de imaxe

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Novo logo

Novo logo

Desde hoxe mesmo as actividades deportivas municipais definiranse coa nova marca Deporte Pontevedra, unha vez que o IMD deixou de existir. A nova formulación gráfica nace da evolución da anterior imaxe do Instituto se ben a nova se caracteriza por unha maior gama cromática.

O novo símbolo deportivo é circular e inclúe as palabras “Deporte Pontevedra” na súa versión máis habitual, así como 5 cores distintas. Como a anterior, a gráfica principal parte dunha sección dos aros olímpicos, se ben nesta ocasión aparecen inscritos nunha circunferencia branca e azul na que figura o logotipo da marca.

A realización foi elaborada polo gabinete de Comunicación do Concello, nun proceso no que tamén participaron os técnicos do departamento municipal de Deportes, sempre baixo a supervisión da concelleira de Cultura e Deportes, Anxos Riveiro.

O proceso de cambio de imaxe inclúe unha estratexia gráfica para papelería, elementos de publicidade exterior, merchandising, sinaléctica, etc., imprescindibles para levar a cabo unha mudanza progresiva, durante a que se vaian substituíndo os elementos antigos por outros novos xa coa gráfica actual, co coidado de non caer en gastos superfluos ou innecesarios, polo que a nova imaxe convivirá coa antiga nalgúns soportes e momentos. Esta icona deportiva, como o anterior, pode ser utilizada por todos os colectivos deportivos de base que o desexen, se ben o Concello, propietario da marca, resérvase as accións legais oportunas cando detecte un uso non acaído da mesma.

Será de obrigada utilización para todas as actividades que teñan patrocinio municipal. No desenvolvemento da marca defínense fórmulas para utilizala en convivencia co imagotipo municipal principal, aínda que non se desenvolveu un manual de uso por non incorrer en maiores gastos.

2 de febreiro de 2017 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.