publicidade hoxe

A comunidade galega súmase á nova etapa da política europea de crecemento azul

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia exterior
A-
A+

O director xeral de Relacións Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, Jesús Gamallo, participou esta tarde no intercambio de opinións que tivo lugar no Comité das Rexións (CdR), no seo da comisión de Recursos Naturais (NAT), sobre a necesidade de desenvolver unha nova etapa da política europea de crecemento azul, unha estratexia a longo prazo de apoio ao crecemento sustentable dos sectores mariño e marítimo como motores da economía europea.

O documento de traballo que se debateu hoxe parte do recoñecemento de que os desafíos económicos e ambientais relacionados cos mares son cada vez máis importantes no debate político internacional. Resulta especificamente útil en vésperas do comezo das negociacións sobre o marco financeiro plurianual posterior a 2020 da Unión Europea.

Ademais, o texto pon en valor o feito de que a economía azul se atopa inscrita nos territorios. As rexións desempeñan un papel decisivo no apoio ás Pemes, o desenvolvemento das infraestruturas portuarias, e a política de emprego nas profesións do mar. Polo tanto, dispoñen dunha situación idónea para comprobar a utilidade dun enfoque transversal do crecemento azul nas distintas políticas da Unión. Trátase agora de presentar propostas concretas para actualizar as posicións políticas no período posterior a 2020. Espérase que este ditame sobre unha nova etapa do crecemento azul sexa debatido en comisión o 29-30 de marzo, para ser aprobado en Pleno do Comité Europeo das Rexións a mediados de maio.

Proposta de Galicia

Para Galicia, o balance da estratexia de crecemento azul é polo momento positivo, especialmente en base á experiencia desenvolvida no marco do Eixo IV do Fondo Europeo Marítimo e Pesca. A comunidade contribúe de forma fundamental a impulsar esta liña de actuación mediante o apoio ao desenvolvemento participativo dos Grupos de Acción Local de Sector Pesqueiro – GALP (antigos Grupos de Acción Costeira – GAC).

Respecto da cuestión de como estruturar o marco financeiro plurianual despois de 2020, a proposta de Galicia coincide co enfoque territorial achegado polo ditame do CdR, á vez que pide que cada Estado membro e cada rexión poidan decidir o destino dos fondos que lle son outorgados. No caso da nosa rexión, os sectores prioritarios no ámbito do crecemento azul son a pesca, a acuicultura e o marisqueo; a construción naval; o transporte marítimo; e o turismo náutico e recreativo.

Con respecto a como se espera que Europa contribúa a estruturar os grandes sectores da economía azul, Galicia considera que as industrias marítimas e as enerxías renovables deben seguir traballando na mesma liña, mentres que os portos deben ser unha gran plataforma loxística, o que redundaría nunha vantaxe comparativa. Tamén é imprescindible para Galicia a coordinación entre a estratexia de crecemento azul, a política de investigación de Europa (Horizonte 2020) e as estratexias de especialización intelixente das rexións.

O mar como factor para reactivar a economía e o proxecto europeo
A importancia do mar e os océanos non só radica en que son imprescindibles para a vida na terra, senón tamén en que constitúen unha fonte exponencial de emprego. A OCDE calcula que a riqueza mundial que depende do mar (1,3 billóns de euros) podería duplicarse para 2030. Pola súa banda, a Comisión Europea estima que os 5 millóns de postos de traballo en Europa xerados pola economía do mar multiplicaranse nas próximas décadas. Neste contexto, o crecemento azul supón unha oportunidade para Galicia en materia de emprego e dinamización económica.

2 de febreiro de 2017 | 18:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.