publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Xuventude entrega os diplomas aos 30 participantes de ‘Deseñando o teu futuro’ en Betanzos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBetanzos
A-
A+

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou esta mañá na entrega dos diplomas acreditativos aos 30 mozos e mozas participantes no proxecto promovido polo centro educativo plurilingüe CPR Nuestra Señora del Carmen, no marco da convocatoria do 2016 do programa Deseñando o teu futuro. Unha iniciativa piloto de educación non formal cuxo obxectivo pasa por achegar á mocidade galega á realidade das empresas mediante o desenvolvemento de estadías visitas en distintos sectores das empresas.

Así as cousas, o proxecto desenvolvido por este centro educativo coruñés contou coa colaboración de 14 empresas e entidades comerciais que desenvolven a súa actividade no municipio bentanceiro en ramas tan diversas como a educativa, sanitaria, administrativa ou recreativa e de lecer, entreoutras. Xa máis polo miúdo, a trintena de mozos e mozas participantes realizaron as súas estadías visitas de 12 días de duración durante os meses de setembro, outubro e novembro nas seguintes empresas e establecementos: Centro Dental Integral As Mariñas, Clínica Veterinaria Valdondel, Farmacia As Cascas, Centro de Fisioterapia Esperanza López Freijomil, Óptica Selgas, Centro Pai Menni, Cruz Vermella, Escola de Música Clave de FA, Asociación de Comerciantes e Empresarios CCA, Coreti (Coruñesa de Etiquetas S.L.), Arume Fotografía, Bufete de Abogados Placer e Fundación CIEC. O proxecto aprobado pola Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado contou cun orzamento de 5.205,99 euros para un total de 20 rapazas e 10 rapaces, dos que 5.160 euros achegounos o departamento que dirixe Cecilia Vázquez.

“Esta iniciativa ofrécelle aos mozos e mozas alternativas para aprender e fomenta o seu autocoñecemento ao tempo que lles serve de motivación para continuar a súa formación e actualización de competencias e habilidades”, destacaba a directora xeral no transcurso da entrega de diplomas celebrada esta maná. E, ao fío, lembraba que no marco deste programa no 2016 se financiaron 13 proxectos presentados por concellos e entidades sen ánimo de lucro, que facilitaron que un total de 351 mozos e mozas realizasen estadías visitas en empresas. Nomeadamente, tres destes 13 proxectos están emprazados na comarca de Betanzos: o desenvolvido pola Asociación Xuvenil Brigantium; o levado a cabo pola Asociación Galicia Inxenia; e o visitado esta mañá pola directora xeral do centro educativo plurilingüe CPR Nuestra Señora del Carmen La Grande Obra de Atocha. Tres iniciativas nas que tomaron parte 81 rapaces e rapazas e que contaron cun orzamento total de 13.716 €.

Deseñando o teu futuro contempla a realización de estadías visitas en empresas cunha duración mínima de cinco días e máxima de quince días hábiles e unha xornada mínima diaria de catro horas. O número máximo de mozos participantes por proxecto non pode exceder de 30. A cantidade subvencionable a cada entidade e concello calculouse a razón de 6 euros por participante día, para cubrir os gastos de manutención e desprazamento do mozo ou da moza e 100 euros por participante para cubrir os custos derivados da organización das estadías-visitas.

A participación neste programa xera o dereito a expedición do certificado de experiencias de educación non formal, que permite validar as competencias e darlle visibilidade aos coñecementos, habilidades e formación derivados desa participación, en tanto que contribúen ao desenvolvemento persoal dos participantes, enriquecen o seu currículo vital e favorecen a participación activa na sociedade.

31 de xaneiro de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.