publicidade hoxe

Xunta e Concello de Lousame traballarán conxuntamente para a posta en valor dos montes municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLousame
A-
A+
Ángeles Vázquez na reunión coa alcaldesa de Lousame

Ángeles Vázquez na reunión coa alcaldesa de Lousame

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu hoxe á alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, en San Caetano para tratar temas do seu concello relacionadas co rural. En concreto, a rexedora trasladou o seu interese por revalorizar, non só economicamente, os montes do municipio e reclamou o apoio da consellería para que os técnicos da Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal colaboren no labor de educación e información, algo coa que a conselleira se comprometeu.

Preténdese que estes profesionais impartan charlas dirixidas a comunidades de montes, particulares e calquera outra persoa ou organización vinculada ao monte que dean a coñecer as vantaxes de constituír unha Sociedade de Fomento Forestal (Sofor) ou incluso a posibilidade de facer unha concentración parcelaria de tipo forestal.

A filosofía do concello, e coa que coincide este departamento autonómico, é compatibilizar a rendibilidade económica das parcelas a través da plantación e explotación madeireira co turismo. Neste sentido, a idea do goberno local de Lousame pasa por crear un miradoiro na zona da Muralla, o que posibilitaría a chegada de visitantes para coñecer o entorno e gozar das vistas.

Ángeles Vázquez escoitou as necesidades deste concello coruñés a través da súa máxima portavoz e agradeceu a Teresa Villaverde o seu interese por achegar ideas que potencien as bondades do rural dende diferentes ámbitos porque así se demostra que ten posibilidades máis alá do agro.

9 de xaneiro de 2017 | 16:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.