publicidade hoxe

Vilariño de Conso e Viana do Bolo acollerán unha nova edición da “Mascarada Ibérica”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioOurenseViana do BoloVilariño de Conso
A-
A+
Presentación da "Mascarada Ibérica"

Presentación da “Mascarada Ibérica”

Os municipios ourensáns de Vilariño do Conso e Viana do Bolo acollerán esta fin de semana, os días 28 e 29 de xaneiro, respectivamente, a terceira edición da “Mascarada Ibérica”, coa que colabora a Deputación de Ourense. A presentación desta cita cultural tivo lugar esta mañá no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde de Viana do Bolo, Secundino Fernández; o presidente da Asociación Xuntos polo Folión de Vilariño, Carlos Veiga; e o presidente da Comisión Entroido Viana do Bolo, Jorge Domínguez.

O vicepresidente da Deputación de Ourense destacou o carácter cultural desta celebración que “concentra entroidos tradicionais a través da participación, neste caso, de 26 agrupacións de diferentes lugares, con carácter internacional pois transcende a fronteira hispana”. Asemade Rosendo Fernández felicitou aos organizadores desta iniciativa “por desenvolver esta mostra de alto valor etnográfico que a Deputación de Ourense apoia porque considera importante conservar a nosa tradición”.

O cartel desta edición confórmano un total de 26 agrupacións procedentes non só de Galicia, senón de outros puntos xeográficos de España como Asturias, Cantabria e Zamora, e mesmo de outro país, como Portugal.

Jorge Domínguez explicou que a idea de levar a cabo esta “Mascarada Ibérica” xurdiu “fai tres anos co obxectivo de unificar o Entroido de ambos municipios e impulsar os nosos dous conxuntamente con Manzaneda. Trátase de enriquecer a cultura galega e as tradicións e compartilas con outras rexións, para darnos conta de que todas eles teñen aspectos en común”. Nesa mesma liña, Carlos Veiga incidiu en que se trata de “recuperar algunhas tradicións e ver o que nos une, para dinamizar a economía e a cultura do rural”.

En canto á participación, ambos fixeron fincapé en que cos anos foise incrementando o número de agrupacións, “o primeiro ano participaron 14 grupos, o segundo ano case 20, e chegamos a esta terceira edición con 26”, asegurou Jorge Domínguez, mentres que Carlos Veiga sinalou que “nos comezos buscábamos nós á xente para que participase, e agora é a xente a que contacta con nós para participar”, e engadiu, “a Mascarada é unha forma concentrada de ver diferentes máscaras de inverno”.

Pola súa parte, o alcalde de Viana do Bolo destacou a honra que supón para o municipio “apoiar estas demostracións da cultura popular cun gran número de representacións que mostra as particularidades do Entroido de diferentes lugares, facendo desta celebración unha importante cita para os municipios polo seu valor cultural, tradicional e económico”. Asemade lembrou que ambos concellos recibiron o ano pasado por esta iniciativa cultural o “Premio Nacional de Tradicións Populares que fomos recoller no pasado mes de decembro a Madrid, premio outorgado pola Sociedade Española de Antropoloxía e Tradicións Populares, o que demostra que a admiración por esta Mascarada traspasa as fronteiras galegas”, engadiu Secundino Fernández.

En canto ao desenvolvemento da celebración, o vindeiro sábado, 28 de xaneiro, a partir será a quenda para gozar das actuacións no municipio de Vilariño de Conso, onde a partir das 16.30 horas, as agrupacións concentraranse na parte alta do pobo e percorrerán nun desfile as rúas do municipio. Ao día seguinte, a programación trasladarase ata o municipio de Viana do Bolo no que ás 12.00 horas dará comezo no Toural e baixarase ata a Praza Maior do municipio. En ambos, os Folións irán mesturándose para poñer música ao desfile, explicou Jorge Domínguez.

25 de xaneiro de 2017 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.