publicidade hoxe

Vilagarcía chega a Fitur cun vídeo promocional das Festas de San Roque

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Vilagarcía de Arousa terá este ano maior presenza na Feira Internacional de Turismo (FITUR) que se está a celebrar en Madrid. A cidade preséntase no maior escaparate do turismo cun video promocional das Festas de San Roque que se estrea mañá no pavillón de Galicia dentro do apartado das Festas de Interese Turístico Nacional que este ano pretende destacar a Xunta de Galicia. A maiores, o alcalde, Alberto varela, e o concelleiro de Turismo, Xoán Antonio Pérez Callón, aproveitarán a estancia en Madrid para avanzar o proxecto da Vía Verde cos representantes da Fundación de Ferrocarriles Españoles que tamén está presente en FITUR coa súa rede de sendas.

Presentación individual

O Concello deseñou este video para acudir a FITUR, pero serverá para posteriores accións promocionais da cidade.A estrea do audiovisual terá lugar mañá, ás 13:30 horas, no pavillón de Galicia e consistirá nunha intervención do alcalde aos profesionais do sector e a posterior proxección e á que tamén asistirán autoridades galegas e doutras comunidades. No spot destácanse apartados das festas como o Combate Naval, a Festa da Auga e a Festa da Ameixa, eventos que propiciaron a obtención no ano 2006 do título de Interese Turístico Nacional, e outros recuperados e sumados máis recentemente como As Revenidas e o Festiclown que seguen a enriquecer e potenciar as festas que xa son todo un referente cultural, gastronómico, musical e de diversión para todos os públicos e para todos os gustos.

A axenda da delegación vilagarciá en FITUR é máis extensa xa que o alcalde e o concelleiro de Turismo aproveitarán a presenza na feira da Fundación de Ferrocarriles Españoles para reunirse cos seus responsables e abordar o proxecto de creación da Senda Verde de Vilagarcía, Caldas e Portas. A Fundación participa en FITUR para promocionar a rede de Vías Verdes existente no territorio nacional, produtos que encaixan á perfección na temática principal elixida este ano pola feita internacional que é o turismo natural e sostible. O encontro terá lugar a última hora da tarde de hoxe.

Durante esta mañá, Varea e Pérez Callón participaron as diversas actividades organizadas no pavillón de Galicia para promocionar o turismo na zona; entre elas a presentación da Ruta Padre Sarmiento que atravesa Vilagarcía ou a do Camiño Portugués que está a promocionar a Deputación de Pontevedra a través do Padroado Rías Baixas. A presidenta, Carmela Silva presentou este acto no que o músico Teo Cardalda presentou unha composición sobre O Camiño. Ademais de Varela, asistiron outros alcaldes da zona, como o vigués, Abel Caballero.

Ademais, o alcalde participou onte na xuntanza da Comisión de Turismo da FEMP; da que Varela forma parte, e que tamén se celebrou nas instalacións do Ifema. No encontro abordáronse aspectos xenéricos como o programa de xornadas a celebrar, a necesidade dunha ordenación dos alugueres vacacionais ou o proxecto de organizar este ano un congreso sobre Cidades Intelixentes.

19 de xaneiro de 2017 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.