publicidade hoxe

Uns 30 concertos encherán Compostela de música no ciclo Santiautor 2017

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación de Santiautor 2017

Presentación de Santiautor 2017

O alcalde, Martiño Noriega, presentou hoxe a “edición máis ambiciosa” das que se teñen celebrado ata o de agora do Santiautor. Foi nunha rolda de prensa na que participaron o director do festival, Suso Peón; o seu director artístico, Miguel Lueiro; e Rosa Cedrón, unha das artistas que participarán no Santiautor 2017. Entre o 3 de marzo e o 30 de maio, ao abeiro deste ciclo poderemos asistir a 32 concertos, tanto de artistas consolidados no panorama musical como de novas promesas.

O alcalde mostrou a súa satisfacción porque o Concello poida colaborar “nun festival plenamente consolidado, que empezou con só seis concertos e que este ano sumará máis de 30”. Ademais, lembrou que “o Santiautor contribúe a levar o nome da nosa cidade por todo o Estado, porque xa é un referente fóra de Galicia tanto para o público como para os artistas”.

Martiño Noriega explicou que o Concello apoia o ciclo de concertos cedendo dous espazos de referencia na cidade, o Auditorio e o Teatro Principal, e tamén coa colaboración de persoal técnico. En concreto, no Auditorio de Galicia actuarán Rozalén e Rosana, e o Teatro Principal será o escenario ao que suban Pedro Guerra, Guadi Galego, Ele e Rosa Cedrón.

O director do Santiautor, Jesús Peón, mostrouse “moi agradecido coa colaboración do Concello, que facilita o primeiro que precisan os artistas: escenarios”. Ademais, asegurou que “de seguir esta cooperación, o festival seguirá medrando”.

Un Santiautor galego e de mulleres

O director artístico do Santiautor cualificou de “privilexio” poder presentar o cartaz de artistas que participan nesta oitava edición do festival, con tres grandes nomes a destacar: Rozalén, Rosana e Funambulista. Miguel Lueiro apuntou ademais que se cumpren dous obxectivos: ter un Santiautor cheo de nomes femininos (17 dos 32 concertos serán de artistas mulleres), e cun marcado acento galego (15 artistas do país formarán parte do festival). De aí que na rolda de prensa de presentación do Santiautor 2017 participara tamén Rosa Cedrón, que recoñeceu estar emocionada porque o festival lle dea a oportunidade “de pisar o Teatro Principal despois de oito ou nove anos sen facelo”. Tamén agradeceu que o Santiautor “demostre que o mundo dos cantautores non sexa un mundo de homes, e menos en Galicia”. Por último, a cantante recoñeceu a importancia de iniciativas coma esta, que lle dan a súa primeira oportunidade a moitos artistas que cos anos acaban sendo referentes no panorama musical.

Venda de entradas

Toda a programación do Santiautor 2017 está dispoñible na páxina web www.santiautor.gal. Este ano, as entradas para os 32 concertos poderanse comprar a través de Abanca, pero tamén no despacho de billetes do Teatro Principal.

23 de xaneiro de 2017 | 18:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.