publicidade hoxe

Un total de 172 exemplares de vacún frisón de alta xenética de Galicia, Cantabria e Portugal competirán nos concursos de CIMAG-GANDAGRO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

Un total de 172 exemplares de vacún frisón de alta xenética procedentes de distintos puntos de Galicia, Cantabria e Portugal participarán nos concursos morfolóxicos Autonómico e Internacional desta raza na II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017. Esta celebrarase do 26 ao 28 de xaneiro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).

O XXVI Concurso Autonómico da Raza Frisona FEFRIGA´17, ao que concorrerán os exemplares máis destacados en Galicia, contará coa participación de 132 reses. Delas 50 proceden da provincia de Pontevedra, 43 de A Coruña e 39 de Lugo.

Pola súa banda, o XXXIV Open Internacional da Raza Frisona GandAgro´17 converterase unha vez máis en punto de encontro da mellor cabana bovina. Reunirá, ademais dos 132 exemplares galegos que participan no Concurso Autonómico, a outros  19 de Cantabria e 21 de Portugal. En total competirán 172 animais.

Galardóns

Os galardóns que se concederán nesta edición dos concursos serán Campioa de Galicia e Campioa Internacional (en función do concurso) nas categorías de becerra, xovenca, vaca xoven, vaca intermedia e vaca adulta; e tamén Gran Campioa de Galicia e Gran Campioa Internacional (segundo o concurso) nas de xovenca e vaca, incluíndose nestes últimos como novidade a entrega de premios en metálico. Ademais recoñecerase ao Mellor Criador de Galicia e ao Mellor Criador Internacional e, por primeira vez, premiarase en ambos concursos á Mellor Gandería de Nova Participación.

En canto aos galardóns á xovenca e á vaca Gran Campioa de Galicia, e tamén ao Mellor Criador de Galicia, serán patrocinados por XENÉTICA FONTAO. Pola súa banda, o premio á vaca Gran Campioa Internacional estará patrocinado por ABANCA, mentres que o de xovenca Gran Campioa Internacional estarao pola firma de seguros UCOGA e o de Mellor Criador Internacional pola empresa de palla picada NUAL. 

Organizados pola Federación Frisona Galega (FEFRIGA) coa colaboración da Fundación Semana Verde de Galicia, os concursos celebraranse os días 27 e 28 de xaneiro e serán xulgados polo suízo Markus Gerber, xuíz internacional cunha ampla experiencia en competicións de máis nunha ducia de países.

Xóvenes manexadores e preparadores

Ademais destas prestixiosas competicións, en ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017 celebrarase, tamén centrado na raza frisona e da man de FEFRIGA, o XXXIII Concurso Internacional de Xóvenes Manexadores “Memorial Luís Louzao”, no cal o dia 27 de xaneiro os gandeiros máis novos demostrarán a súa habilidade na presentación en pista dos animais. A firma de produtos veterinarios SILVET patrocinará esta competición. 

Por outra banda, o día anterior engadirase o X Concurso de Preparadores de Gando GandAgro´17, patrocinado por DANONE, no que os participantes amosarán as súas destrezas preparando aos animais para logo presentalos.

13 de xaneiro de 2017 | 17:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.