publicidade hoxe

Touriñán regresa a Vilagarcía co “Monólogo do Imbécil”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioVilagarcía de Arousa
A-
A+

O humor galego regresa este mes de xaneiro á axenda cultural do Concello de Vilagarcía da man do Antonio Touriñán. O humorista regresa ao Auditorio Municipal, neste caso en solitario, para representar o seu “Monólogo do Imbécil”. A función terá lugar o sábado, 28 de xaneiro, a partir das 21:00 horas e a entrada custa 12 euros.

“Monólogo do Imbécil” é unha obra recomendable para todos os públicos protagonizada por Santi, un mozo ao que todo lle sae mal. El procura comportarse coma os demais, ten ilusión por ir á escola coma todo o mundo, por ter un traballo coma todo o mundo e casar cunha rapaza coma todo o mundo, pero sempre sucede algo que acaba deixándoo con cara de parvo.

É certo que ten unha tendencia a estar sempre nas nubes. E ás veces queda parvo mirando a ningures. E pensa: “Que fago eu aquí… coma un imbécil”.

Así que un día decide mirar atrás na súa biografía para ver de buscarlle o sentido ás cousas, e remóntase ao momento mesmo da súa concepción e aínda máis, a cando só existían un espermatozoide algo parvo e un óvulo despistado, e comeza a falalo todo desde o principio ata o preciso momento en que llo conta ao público.

Touriñán está xirando este “Monólogo do Imbécil” coa compañía Eme2Producións.
As entradas xa están á venta a través de ticketea a 12 euros máis custes de xestión. O día da función poderanse adquirir na billeteira do Auditorio a partir das 19:00 horas.

17 de xaneiro de 2017 | 19:09 • Sen comentarios

Comentarios pechados.