publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Teatro do Noroeste protagoniza unha nova estrea teatral programada no Pazo da Cultura de Narón para o primeiro trimestre deste ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

O Padroado da Cultura de Narón inclúe na súa programación do primeiro trimestre de ano un total de catro estreas teatrais –con sete funcións-, a cargo das compañías Las Tricotouses, Teatro do Noroeste, Talía Teatro e Eme2. A edil de Cultura e vicepresidenta do Padroado, Marián Ferreiro, destacou “a firme aposta do Padroado polo traballo que desde hai varios anos están a desenvolver no mundo das artes escénicas as compañías galegas”, subliñando que “en recoñecemento precisamente a este traballo, entre este mes e o de marzo programáronse catro estreas, tres de espectáculos de teatro e un que xa tivo lugar de danza”. Esta fin de semana, os días 3 e 4 de febreiro, representarase por primeira vez a obra Estado de graza, de Teatro do Noroeste, ás 20.00 e 20.30 horas respectivamente. Trátase dunha compañía fundada no ano 1987, recordou Ferreiro, e “cunha ampla traxectoria no panorama teatral do noso país”. As entradas para este espectáculo están xa á venda no Pazo da Cultura –na billeteira ou a través da páxina web: www.padroadodecultura.es- a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, menores de 14 anos e desempregados.

O vindeiro mes de marzo haberá dúas estreas máis. A primeira delas correrá a cargo de Talía Teatro, compañía constituída no ano 1988 e “hoxe firmemente consolidada no mundo do teatro”, subliñou Marián Ferreiro. A comedia Ubú Rei estrearase no Pazo, os días 3 e 4 de marzo –ás 20.30 e ás 20.00 respectivamente-.

Por último, a compañía galega Eme2, fundada no ano 2001- estreará a comedia A noiva de Don Quixote. Será o día 10 de marzo ás 20.30 horas e o 11 ás 20.00 no Pazo da Cultura.

 “Na mesma liña de continuar apoiando na medida das nosas posibilidades ás compañías galegas, desde o Padroado da Cultura continuaremos colaborando na difusión da destacada labor que realizan, porque consideramos que é imprescindible e básico ese apoio das administracións á cultura en xeral e ao mundo das artes escénicas en particular”, subliñou Ferreiro.

31 de xaneiro de 2017 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.