publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Soutomaior recibirá este xoves a visita dos Reis Magos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSoutomaior
A-
A+

Se algunha visita é esperada polos nenos de todo o mundo, esa é a dos Reis Magos de Oriente, que o día 5 de xaneiro chegan a Soutomaior, onde serán recibidos con todas as honras. Unha visita que este ano chega unhas horas antes para recoller todas as cartas que os nenos do municipio foron deixando nas caixas de correos instaladas polo Concello.

O percorrido dos Reis Magos por Soutomaior comezará ás 11:30 horas na Casa do Concello, onde o Goberno local recibirá ás súas maxestades para acompañalos durante unha parte do seu camiño. Despois de recoller as peticións que os nenos deixaron na caixa de correos situada no Concello, os Reis Magos continuarán o seu camiño para levar a alegría propia destas datas a todos os recunchos do municipio. Na súa seguinte parada, ao redor das 12:00 horas, as súas maxestades visitarán o centro de Arcade, onde compartirán un intre entrañable con membros do Centro de Maiores.

Pola tarde, as actividades comezarán a partir das 16:00 horas na Alameda Tallo Río co Festival Infantil. Unha festa dedicada aos máis pequenos da casa e na que non faltará a animación musical dun Dj, un espectáculo de animación e a compañía dalgunhas das mascotas de Disney máis famosas.

Ao redor das 17:00 terá lugar a ansiada visita. As súas maxestades reais farán a súa aparición na alameda para atender aos máis pequenos e representar a noite máis máxica do ano. Alí os nenos e nenas de Soutomaior terán ocasión de fotografarse cos Reis Magos e trasladarlle todas as súas peticións en persoa. Como premio, os pequenos recibirán centos de caramelos.

O Alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, destacou “os Reis Magos veñen este ano cargados de ilusión e ansiosos por recoller os centos de cartas dos nenos e nenas de Soutomaior. Pola nosa banda pedirémoslle que traian moita saúde e que esa noite de Reis repartan toda a alegría que poidan”.

4 de xaneiro de 2017 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.