publicidade hoxe

Sober recibe 40 exemplares para o concurso do cartel anunciador da XXXVII Feira do Viño de Amandi

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSober
A-
A+

O Concello de Sober agradece a alta participación no concurso do que sairá o cartel que anuncie a XXXVII Feira do Viño de Amandi. Este ano o Goberno local recibiu 40 carteis dentro de prazo, un número superior aos que participaron no certame do pasado ano. O alcalde, Luis Fernández Guitián, amosouse moi satisfeito deste incremento na participación e salientou “que ano tras ano este concurso faise máis concorrido”.

O xurado reunirase a principio de febreiro e o traballo gañador farase público a principios do mes de marzo, coa presentación do Mes do Amandi. A XXXVII Feira do Viño de Amandi deste ano terá lugar os días 8 e 9 de abril.

Guitián, subliña que este concurso “ten xa carácter nacional, pois recibimos carteis de diferentes puntos da xeografía española”. En concreto, chegaron exemplares de diferentes puntos de Galicia como Vigo, A Coruña, Pontevedra, Viveiro, Castro Caldelas e de outras provincias e comunidades como Asturias, Palencia, Murcia, Vitoria ou As Palmas. Aínda así, o alcalde apunta que a maioría dos exemplares foron presentados no propio Concello, polo que son de xente da propia comarca. “Tivemos varios exemplares de Monforte, Chantada ou Bóveda, entre outros, así como de Sober”, indica o rexedor.

O gañador deste certame farase cun premio en metálico de 600 euros. Os deseños debían reflectir, tal e como recollían as bases, o espírito da Feira do Viño de Amandi facendo especial fincapé no sector vitivinícola e no patrimonio e cultura da localidade. O deseño gañador será empregado como cartel anunciador da XXXVII Feira do Viño de Amandi, así como nos programas de man.

23 de xaneiro de 2017 | 17:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.