publicidade hoxe

Silleda acollerá desde este venres a mostra “Exodus”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSilleda
A-
A+

A deputada de Cohesión Social e Xuventude, Digna Rivas, acompañada polo alcalde de Silleda, Manuel Cuíña Fernández, e demais representantes da corporación municipal, inaugura este venres 13 de xaneiro a exposición fotográfica “Exodus: na procura do refuxio” nun acto que terá lugar, ás 12.00 h, na casa do concello.

A mostra foi elaborada polos fotoxornalistas galegos Felipe Carnotto e Adrián Irago entre os meses de setembro e outubro de 2015. O seu traballo documenta as vivencias dos refuxiados e refuxiadas que foxen de distintos conflitos bélicos para chegar á illa grega de Lesbos e percorrer os Balcáns na procura dun novo fogar en Europa. “Exodus” poderase visitar entre os días 13 e 27 de xaneiro de 2017 na casa do concello de Silleda, en horario de 8:00 a 15:00 h, de luns a venres.

A exposición exhibiuse por primeira vez entre o 29 de abril e o 10 de xuño de 2016 no Pazo da Deputación, e desde aquela percorre os concellos da provincia. A mostra forma parte do compromiso que ten o Goberno provincial de Carmela Silva como institución pública co labor de divulgación de información e, deste xeito, “Exodus” xa chegou aos concellos de Caldas de Reis, Salceda de Caselas, Nigrán, Forcarei, Catoira, Moaña, Tomiño, Rodeiro, As Neves, Cambados e Vilaboa, á espera de máis incorporacións nas vindeiras datas.

Cómpre lembrar que Europa se está a enfrontar á peor crise migratoria tras a Segunda Guerra Mundial. Segundo datos de ACNUR, máis dun millón de persoas cruzaron as illas gregas escapando de conflitos armados en 2015. Un 25 % delas eran menores de idade e, ademais, arredor de 3.700 persoas morreron no intento de cruzar o mar Exeo.

O seu camiño empeza en Oriente Medio. Foxen por centos de miles desde Siria, Iraq ou Afganistán. Un fluxo constante de humanidade dirixido polo medo, a inseguridade e a falta de oportunidades. A súa desesperación move estas persoas a arriscaren as súas vidas e as das súas familias por un futuro en paz. Fano desde Turquía, cruzando o mar Exeo ata as illas gregas en balsas de goma con nulas medidas de seguridade.

En Grecia comeza un duro camiño entre fronteiras. As persoas refuxiadas cruzan Europa cunha idea vaga de alcanzar Alemaña, Suecia ou Noruega. En Gevgelija, no sur de Macedonia, na fronteira con Grecia, eríxese un campo de refuxiados ateigado de almas perdidas. Máis de dúas mil persoas cada día deixan a súa pegada nunha inhóspita paraxe.

12 de xaneiro de 2017 | 19:05 • Sen comentarios

Comentarios pechados.