publicidade hoxe

Sanidade considera clave a participación de todos na elaboración do Plan funcional de Montecelo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraPontevedra
A-
A+
O conselleiro de Sanidade na presentación do Plan Funcional de Montecelo

O conselleiro de Sanidade na presentación do Plan Funcional de Montecelo

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, continúa cos encontros iniciados esta semana para dar a coñecer o equipo da empresa concesionaria encargado da elaboración do plan funcional e do programa de espazos para o Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra. Vázquez Almuiña reuniuse esta tarde con asociacións da área de Pontevedra, con membros dos colexios profesionais e con representantes municipais -alcaldes e portavoces- da zona.

A todos eles transmitiulles o compromiso do seu departamento en traballar no deseño e planificación do novo centro coas achegas de todos; e incidiu en que o obxectivo destas xuntanzas é ofrecer información accesible e transparente tanto para profesionais e xestores sanitarios como para o resto de axentes implicados, xa que, asegurou, o Servizo Galego de Saúde os considera pezas claves neste proxecto. Neste sentido, nas xuntanzas de hoxe foron invitados a participar representantes dos 27 concellos que abarca a EOXI Pontevedra-O Salnés, de 44 asociacións e dos catro colexios profesionais do sector.

Segundo afirmou, tanto o plan funcional como o programa de espazos estarán rematados a finais de maio. O obxectivo é adaptar a estrutura física existente ás necesidades sanitarias da poboación de referencia e dos profesionais a través da elaboración dun novo plan da área de Pontevedra, optimizando a funcionalidade, confortabilidade e habitabilidade dos seus espazos e equipamentos e o aproveitamento dos recursos enerxéticos e materiais.

En concreto, o plan funcional configura as necesidades e demandas previsibles para realizar a actividade sanitaria de calidade, establecendo o modelo de hospital, a carteira de servizos e o dimensionamento das estruturas e recursos. Pola súa banda, o plan de espazos permite a previsión da articulación do funcionamento presente e futuro do centro hospitalario, e ofrece características do deseño final como a flexibilidade de espazos, a articulación entre diferentes áreas ou servizos, e a capacidade e provisión de espazos para a expansión en función da demanda ou da incorporación de novas tecnoloxías, entre outros aspectos.

Unha vez licitado e redactado o plan funcional, iniciarase o Proxecto Sectorial de Incidencia Supramunicipal (PSIS), que deberá ser sometido a exposición pública, publicado no DOG e contar cunha memoria ambiental e un informe urbanístico, entre outros trámites, antes da súa aprobación definitiva polo Consello da Xunta. Os seguintes pasos cara a consecución do Gran Montecelo serán a redacción do proxecto de execución, a xestión da expropiación dos terreos necesarios e a licitación da obra que, previsiblemente, se comezará no ano 2019, unha vez superados todos os trámites necesarios.

Metodoloxía

Nos encontros mantidos esta semana, o equipo da empresa adxudicataria explicou que o plan funcional e o plan de espazos realizarase primeiro cunha solicitude de información de partida a través dun traballo de campo de recompilación da información.

Despois procederase á elaboración do borrador do plan funcional, que incluirá as achegas recollidas e no que xa se recollerá o perfil asistencial dos centros, a carteira de servizos e o dimensionamento do hospital, entre outros ítems.

Este borrador inicial publicarase nunha plataforma do Sergas como paso para solicitar a participación de todos os profesionais do hospital e da xerencia, de tal forma que todos os interesados poidan facer chegar a súa achega (mediante a web ou a través de buzóns de suxestións que serán colocados a tal efecto). Así mesmo, a empresa adxudicataria proporá a realización de grupos de traballo para avanzar na definición do Plan. Actualmente, 255 profesionais -tanto facultativos como profesionais de enfermería-presentáronse voluntarios para colaborar neste proceso.

27 de xaneiro de 2017 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.