publicidade hoxe

Salvaterra recibirá máis de 700.000 euros do Plan Concellos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalvaterra de Miño
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano 2017 un 13 % máis de recursos ao Concello de Salvaterra de Miño no marco do Plan Concellos, un incremento que se debe ás novas bases do plan, que teñen por obxectivo beneficiar os concellos máis pequenos da provincia. Deste xeito, a vila recibirá un total de 718.678,80 €, 84.532,19 euros máis que este ano, o que representa un 13,3 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 46,5 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 201.369,68 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Salvaterra recibirá o vindeiro ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Salvaterra de Miño un total de 1.493.168,82 euros (unha media de 155,23 € por habitante), dos cales 634.146,66 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 37.000 € en mobilidade, 71.000 € en cohesión social e xuventude, 30.000 € en cultura e lingua, 20.000 € para o fomento do emprego, 16.000 € para o impulso do deporte, 3.000 € en medio ambiente e outros 2.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 385.198,39 € para a pavimentación de 19 pistas municipais en diferentes zonas do concello e da rúa San Francisco, para 0bras de saneamento na Igrexa e para a execución de dúas pasarelas peonís sobre o río Mendo e outra sobre o rego de Lobeira. Ademais, 86.291,80 € destináronse ao pagamento de gastos correntes na liña 2; outros 23.505,50 €, na liña 3, destináronse á Festa do Viño do Condado de Tea e Son da Muralla; e, grazas á liña 4, creáronse oito postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 139.150,90 €.

En materia de cooperación Salvaterra tamén recibiu máis de 331.792,21 € no marco do convenio para o campo de fútbol de céspede sintético de Fornelos-Oural.

Á marxe do Plan Concellos 2016 Salvaterra de Miño recibiu 30.156,33 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con preto de 40 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como as axudas á rehabilitación do patrimonio histórico-cultural e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 70.899,15 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios e especializados, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (con cinco usuarios e usuarias) ou ben mediante os programas “En ruta coa Depo”, “Depotermal”, “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 21 nenas e nenos do concello.

Do mesmo xeito, Salvaterra de Miño recibiu 15.567 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra e diversas actividades deportivas, así como 20.045,76 € para o fomento do emprego a través dos plans de práctica laboral, que permiten que dúas persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Salvaterra de Miño. Tamén se achegaron 1.857,35 € para o fomento da igualdade, a través do programa “Conectadas 2016” e as axudas aos concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a prevención da violencia machista; 3.000 € en medio ambiente, para o mantemento do campo de fútbol de Dextros; e outros 36.802,83 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese e as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.

4 de xaneiro de 2017 | 17:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.