publicidade hoxe

Salceda de Caselas recibirá 650.000 euros do Plan Concellos, un 13 % máis de recursos que en 2016

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedraSalceda de Caselas
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano un 13 % máis de recursos ao Concello de Salceda de Caselas, no marco do Plan Concellos 2017, un incremento 10 puntos por enriba da media provincial. Deste xeito, a vila recibirá un total de 639.870,53 €, 71.815,26 euros máis, o que representa un 12,64 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 52,4% de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 195.262,74 € máis). Á marxe do Plan Concellos, Salceda de Caselas recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante 2016 a Deputación de Pontevedra destinou a Salceda de Caselas un total de 831.953,57 €, dos cales 568.055,27 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 64.000 € en mobilidade, 82.000 € en cohesión social e xuventude, 19.000 € en cultura e lingua, 19.000 € para o fomento do emprego, 21.000 € para o impulso do deporte, 3.000 € en medio ambiente e outros 5.000 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 333.701,90 € para a humanización das rúas Compostela e A Coruña e parte de Rafael Tilve Adrio; a reparación da cuberta do pavillón municipal; a recuperación ambiental e a senda peonil do regato Lagüela; e a adquisición dun camión con guindastre e caixa abatible e unha minipá escavadora. Ademais, 85.208,29 € destináronse ao pagamento de gastos correntes na liña 2; outros 21.302,07 €, na liña 3, destináronse a actividades coma a Festa dos Callos, un programa de asesoramento en violencia de xénero e outro de atención ás demencias neurodexenerativas; e, grazas á liña 4,creáronse 23 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 127.812,44 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016 Salceda de Caselas recibiu 18.964,91 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con arredor de 20 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como as axudas á rehabilitación e á sinalización do patrimonio histórico-cultural e á memoria histórica, e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 82.262,51 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (do que se benefician 13 persoas) ou ben mediante os programas “En ruta coa Depo”, “Depo en marcha”, “Depotermal” (do que gozaron 24 persoas maiores da vila), “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 25 nenas e nenos do Concello.

Así mesmo, Salceda de Caselas recibiu 20.664 € para o deporte federado de base, diversas actividades deportivas e as dúas DEPOrte Escolas de balonmán, así como 18.845,76 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que dúas persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello de Salceda. Tamén se achegaron 5.336,10 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa “Conectadas 2016”; 3.000 € en medio ambiente, para o mantemento do campo de fútbol da Gándara; e, finalmente, outros63.906,60 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese e as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.

9 de xaneiro de 2017 | 17:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.