publicidade hoxe

Rueda destaca o traballo conxunto que se leva a cabo nos CIM como exemplo de cooperación entre administracións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Lama
A-
A+
Alfonso Rueda na visita ao CIM da Lama

Alfonso Rueda na visita ao CIM da Lama

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda destacou hoxe o traballo conxunto que se leva a cabo nos Centros de Información á Muller (CIM), como exemplo de cooperación entre Xunta e concellos e tamén entre os propios concellos, como é o caso dos centros compartidos.

Alfonso Rueda visitou hoxe o CIM da Lama, un centro compartido que tamén presta servizo a Cerdedo-Cotobade e a Fornelos de Montes. Acompañado da secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, e do alcalde de A Lama, Jorge Canda, o vicepresidente realizou unha visita ao centro para coñecer de primeira man o labor que levan a cabo a prol das mulleres as profesionais que traballan nel, en concreto unha asesora xurídica e unha psicóloga. Neste centro o pasado ano recibíronse máis de 900 consultas e atenderon case 800 persoas.

Galicia conta con 80 CIM espallados por toda a comunidade, que prestan información e asesoramento á cidadanía e que levan a cabo especialmente un labor imprescindible na prevención e na loita contra a violencia de xénero. O Goberno galego vén de modificar o decreto que regula os CIM, tras un consenso parlamentario, para mellorar aínda máis a atención nos servizo que prestan aos cidadáns, priorizando sempre a loita contra a violencia de xénero e estendendo a atención aos menores ou maiores dependentes destas mulleres e ampliando o labor dos CIM ao colectivo LGTBI. Tamén non últimos días a Xunta publicou a resolución da orde de axudas para financiar os CIM, que supuxo arredor de 3 millóns de euros para os concellos galegos para financiar este importante servizo, 1 millón de euros correspondentes a 27 CIM da provincia de Pontevedra.

Hai que ter en conta que no caso dos CIM como noutros servizos de carácter municipal, desde a Xunta promóvese a cooperación e a prestación compartida do servizo entre varias entidades locais, coa finalidade de conseguir unha mellor racionalización, eficiencia e eficacia na asignación e na utilización de recursos públicos. Por iso, na convocatoria de axudas do ano 2016 para o financiamento destes centros, dentro dos criterios de valoración recollidos nas bases reguladoras, corresponden máis puntos polo feito de unha solicitude de xestión compartida do servizo.

Trátase dun importante investimento que é complementado polos concellos e que forma parte do compromiso da Xunta coa Igualdade e na loita contra a violencia de xénero, que volve a incrementarse nos orzamentos para este ano. Concretamente a partida contra esta lacra supera os 5 millóns de euros, incrementándose en máis dun 60 por cento as axudas periódicas a mulleres vítimas de violencia. Soben ademais os apoios para a atención psicolóxica especializada e mantéñense o resto de axudas para os CIM, ao Centro de Recuperación Integral de Santiago e ás casas de acollida.

4 de xaneiro de 2017 | 17:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.