publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Román Rodríguez visita os traballos de restauración na igrexa de Palio de Lalín

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+
Román Rodríguez na visita á igrexa de Palio

Román Rodríguez na visita á igrexa de Palio

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou hoxe o avance nos traballos de restauración que se están levando a cabo na igrexa de Santa Baia de Palio (Lalín), que comezaron a principios de novembro do ano pasado. A intervención, na que a Consellería inviste un total de 126.854,51 euros, céntrase nestes momentos no remate da escavación arqueolóxica interior, co fin de empezar co recheo de grava.

Tal e como destacou o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia, está previsto finalizar cos traballos –que están sendo desenvolvidos pola empresa Rehabita, Gestión Integral de Rehabilitaciones y Restauración S.L– a principios do mes de abril.

Durante a súa visita ao templo, o conselleiro estivo acompañado pola directora xeral do Patrimonio Cultural, María Carmen Martínez Insúa; polo alcalde de Lalín, Rafael Cuiña; polo subdirector de Conservación e restauración de Bens Culturais, Manuel Chaín; polo portavoz do PP, Xosé Crespo; así como por outros representantes políticos e culturais do concello.

O obxectivo da actuación é solucionar os problemas de entrada de auga e reparar os danos ocasionados pola mesma. Para iso construirase unha nova cuberta, consolidaranse e restauraranse os muros da igrexa, os pavimentos e os paramentos interiores, e reporanse as carpinterías. Así mesmo, sanearase o adro e, de ser necesario, realizarase unha drenaxe do mesmo. O proxecto inclúe, ademais, outras melloras, como a preinstalación dun sistema eléctrico, a dotación de elementos básicos de mobiliario e a valoración das pinturas murais para o estudo de posibles intervencións de recuperación.

Gran interese histórico

A igrexa de Palio é un templo de pequenas dimensións, pero de considerable interese histórico, cuxa orixe se podería remontar aos séculos XI ou XII. As súas características formais e construtivas son as dos templos románicos rurais tendo, ademais, unha estrutura de cuberta de madeira moi elaborada. A maiores, conserva pinturas murais sobre recebo de cal.

Máis de 220.000 euros en conservación do patrimonio lalinense

Por outro lado, cómpre lembrar outras actuacións en materia de patrimonio cultural que se levaron a cabo o ano pasado, tales como os traballos na mámoa nº 1 da Cruz en Alperiz e a renovación da cuberta da igrexa de San Lourenzo de Vilatuxe, que está a piques de finalizar.

En concreto, a Consellería investiu nos últimos meses máis de 220.000 euros no concello de Lalín co obxectivo de restaurar e conservar os bens patrimoniais da zona. Tamén na comarca de Deza se realizou outra intervención de mantemento e conservación do patrimonio cultural, concretamente en Ponte Ledesma, entre o concello coruñés de Boqueixón e o pontevedrés de Vila de Cruces, na cal se investiron en torno a 60.000 euros.

3 de xaneiro de 2017 | 12:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.