publicidade hoxe

Román Rodríguez e Marcial Marín visitan o CIFP As Mercedes, referente da FP en Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, acompañado do secretario de Estado de Educación, FP e Universidades, Marcial Marín, visitaron esta mañá o CIFP As Mercedes, onde o Goberno galego está a realizar unha importante obra de ampliación deste centro que se converte nun referente das ensinanzas de Formación Profesional en Galicia.

Na visita participaron tamén o conselleiro de Educación, Formación e Emprego de La Rioja, Alberto Galiana García; o delegado da Xunta na provincia, José Manuel Balseiro; o secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; e o director xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal.

O conselleiro Román Rodríguez subliñou que o obxecto desta visita é que o secretario de Estado de Educación coñeza de primeira man unha das “xoias” do sistema educativo galego, xa que este centro está á cabeza da innovación na formación profesional non só na provincia de Lugo, senón en toda Galicia.

Segundo o conselleiro, o CIFP As Mercedes representa a aposta da Xunta pola FP, unha modalidade formativa que cada vez ten máis demanda e que presenta un alto grao de inserción laboral, xa que -segundo o último estudo que corresponde ao curso 2013/14-, preto de oito de cada dez alumnos titulados sobre o conxunto dos activos teñen un emprego.

A Consellería de Educación aposta por seguir afondando nunha oferta adaptada á demanda dos sectores produtivos; continuar promovendo a implantación da FP Dual, a FP Básica e a FP a distancia para dar servizo a todo o alumnado; e apostando por instalacións axeitadas cos servizos necesarios para a impartición dos distintos ciclos e familias profesionais.

Pola súa banda, o secretario de Estado de Educación, Marcial Marín, destacou que este centro é un expoñente “do que queremos facer no novo deseño do Plan Nacional de Formación Profesional”, xa que reúne ciclos tradicionais vinculados coas empresas e os sectores da zona, coa aposta pola vangarda con ciclos innovadores como é o de licencias para drons, e sempre tendo en conta a creación de emprego de calidade.

O CIFP As Mercedes dispón dunha ampla oferta de ensinanzas de FP en réxime ordinario, con sete ciclos de grao superior, catro de grao medio, un de FP dual e outro de grao básico. Así mesmo, complétase coa impartición no réxime de adultos de dous ciclos superiores a distancia e outros dous de grao medio presenciais. Precisamente no actual curso académico vén de implantarse neste centro o ciclo de grao superior de Mantemento Aeromecánico, o único que se imparte en Galicia destas características.

20 de xaneiro de 2017 | 17:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.