publicidade hoxe

Riveira promove a celebración de visitas escolares á mostra Kaizen

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

Con motivo da reapertura do período lectivo tras as vacacións de Nadal, o Concello de Riveira vén de promover a celebración de visitas de grupos escolares á exposición “Kaizen”, de Fernando e Hugo Yáñez, que se está a exhibir no Centro Cultural Lustres Rivas e estará aberta ata o vindeiro 7 de febreiro.

Esta iniciativa, promovida dende as Concellerías de Educación e Cultura e o Servizo Municipal de Normalización Lingüística, activouse na presenta semana e xa deparou a asistencia de dous grupos de 50 rapaces, ambos do colexio Galaxia, lugar onde Fernando Yáñez imparte clases de Artes Plásticas. A normalizadora lingüística Alicia Padín está sendo a encargada de exercer de cicerone explicando tanto o contido da exposición como as propias características e servizos do Lustres Rivas e da súa veciña Biblioteca Municipal. Tamén se proxectou un pequeno vídeo titulado “Púrpura”, que describe como foi o proceso creativo e en especial a aportación do pequeno Hugo Yáñez, fillo de Fernando, durante a confección das obras que compoñen a mostra.

Tamén está confirmada xa a presenza dun terceiro grupo de alumnos de Educación Infantil do colexio O Grupo o vindeiro mércores pola mañá. A intención é seguir pechando reservas e dar a coñecer a mostra entre a comunidade escolar. 

“Kaizen” está formada por 24 obras de diferentes formatos e técnica mixta realizadas durante os anos 2015 e 2016. Estará aberta ata o 7 de febreiro e poderá ser visitada de luns a venres de 10 a 14 e de 19 a 21 horas e os sábados de 11 a 14 e de 19 a 21 horas.

18 de xaneiro de 2017 | 18:49 • Sen comentarios

Comentarios pechados.