publicidade hoxe

Récord histórico no último ano de xestión municipal da Lonxa de Riveira

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRiveira
A-
A+

O alcalde de Riveira deu a coñecer hoxe os datos da lonxa de Riveira correspondentes ao 2016, último ano no que o Concello asume a xestión municipal da rula. E foron uns resultados históricos. Así, o balance arroxa unha facturación récord de 43,2 millóns (43.262.014 euros: unha cifra nunca acadada antes aumentando o 31,28% en relación á anualidade anterior) en tanto que as descargas ascenderon a 27,7 millóns de (27.708.467,49 kilos), sendo unicamente superadas no exercicio do 2009.

Manuel Ruiz, que estivo acompañado do administrador José Manuel Orellán, manifestou que a tenor destas cifras a de Riveira segue a ser a primeira lonxa en descargas  e a terceira en facturación de cantas dependen da Comunidade Autónoma, mentres que se sumamos ás dúas competencia do Estado (A Coruña e Vigo) ocupa o terceiro e o quinto lugar, respectivamente.

Ruiz Rivas destacou a significativa alza experimentada con respecto ao ano pasado en descargas, que duplica a do resto das rulas. Así, se a de Santa Uxía medrou nun 14,89%, as dos outros portos galegos máis importantes (A Coruña, Burela, Celeiro e Vigo) o fixeron na metade: o 7% de media.

Prezo medio

As boas cifras rexistradas explícanse sobre unha serie de factores entre os cales hai que significar o aumento do prezo medio, que se eleva ata os 1,36 euros por kilo, 17 céntimos máis que en 2015.

Ademais, os datos aséntanse nas catro especies nas que a lonxa de Riveira liderou o mercado en Galicia: o lirio (que representa o 22% do total facturado), o xurel (o 17%), o polbo e a sardiña.

Tamén se subliñou o aumento de descargas en todas as artes de pesca que traballan na nosa lonxa, entre as cales hai que salientar o arrastre ao representar o 70% das descargas e o 50% das ventas totais en 2016.

Polo que se refire aos moluscos, a campaña da ameixa foi moi boa o ano pasado, con aumento de descargas de diversos tipos (babosa, roxa, fina…) en 50.000 kilos e duplicándose ás ventas ata os 3,1 millons de euros, uns datos aos que contribuíu o feito de que a confraría da Pobra vende na rula riveirense dende mediados de 2016, como tamén están vendendo outros moluscos (navalla e percebe) as de Porto do Son, Noia e Portosín.

Baseado en todos estes datos, Manuel Ruiz manifestou que o último exercicio de xestión municipal da lonxa “foi un ano histórico no que Riveira volve ser referente do conxunto do mar de Galicia” e desexou moita sorte aos futuros xestores da nova infraestrutura.

Nova lonxa

Tocante á súa entrada en funcionamento, informou de que os exportadores xa recibiron as chaves dos seus locais e que antes de acabar o mes procederase ao traslado do pantalán. Ademais, declarou que os prazos concretos de entrada paulatina dos servizos que vai prestar a lonxa detallaranse nos próximos días, manténdose o entorno de finais de febreiro ou principios de marzo como data de inicio unha vez as cuestións máis perentorias para que se puidera abrir foron solucionadas. 

Polo que respecta a José Manuel Orellán destacou o lirio como especie principal, na que Riveira abanderou a súa comercialización a partir dos anos setenta pois antes era empregada como fariña de pescado. E tamén salientou que despois de moito tempo volvamos a recuperar o primeiro posto en ventas e facturación de polbo.

13 de xaneiro de 2017 | 18:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.