publicidade hoxe

Recollida de sinaturas contra os cortes de luz en Ordes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOrdes
A-
A+

Ante o malestar causado entre os habitantes de Ordes polos continuos cortes no fluído eléctrico que se veñen sucedendo no municipio acábase de emprender unha campaña de recollida de sinaturas que perdurará ata final de mes.

O escrito de reclamación xa está á disposición de todos e todas na planta baixa do mesmo Concello, así como nos establecementos comerciais e hostaleiros da zona. Dende o Concello quérese deixar constancia da preocupación que suscita esta situación entre a veciñanza  e do grave prexuízo que supón para a economía da zona. Tal e como se destaca no escrito de reclamación elaborado dende o Concello “este tipo de cortes reiterados, motivados por causas descoñecidas, afectan ao normal desenvolvemento da actividade profesional, comercial, industrial, educativa e no ámbito particular por fallos en ascensores, alarmas, portais, equipos informáticos, electrodomésticos etc”.

Unha situación “que se vén repetindo nos últimos días e que, lonxe de solucionarse, vaise agravando con interrupcións cada vez máis prolongadas”. Ante isto solicítase “unha reparación urxente daquelas deficiencias que propician as continuas interrupcións”.

Unha vez recollidas todas as sinaturas remitiranse á empresa responsable da subministración eléctrica no concello de Ordes. 

17 de xaneiro de 2017 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.