publicidade hoxe

Presidencia investiu 176.000 euros na mellora de infraestruturas e dotacións do concello de Mondoñedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMondoñedo
A-
A+

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, destacou que a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza investiu 175.810 euros en varios proxectos de mellora das infraestruturas e dotacións do concello de Mondoñedo.

Balseiro afirmou que “as diversas liñas de colaboración da Consellería de Presidencia cos concellos axudan a impulsar as instalacións e os servizos públicos municipais sen que elo supoña unha carga para as administracións locais”.

Así, o concello de Mondoñedo recibiu 78.926,95 euros procedentes do Fondo de Compensación Ambiental, que investiu en reforzar a brigada de protección e mantemento de espazos naturais e na compra de dous vehículos pesados.

En concreto, o concello dispón grazas a esta orde dun camión volquete con pluma de máis de 3.500 quilogramos e dunha pala retroexcavadora con tres cazos. Ambos están destinados a labores de protección medioambiental; ao mesmo tempo, foi posible incrementar o persoal destinado a estas tarefas.

O Fondo de Compensación Ambiental ten unha liña de axudas non competitivas que permite a todos os concellos da provincia beneficiarse directamente das explotacións eólicas ubicadas no seu territorio. Están destinadas a sufragar actuacións propostas polos concellos que inciden directa ou indirectamente en labores de melloras medioambientais.

Tal e como subliñou Balseiro, estas subvencións “favorecen especialmente aos concellos rurais de Galicia, que son os que teñen maior superficie destinada a aproveitamento eólico”.

Por outra banda, a Consellería de Presidencia asinou un convenio co Concello de Mondoñedo polo que achega un orzamento de 70.000 euros para a adquisición e adecuación dunha finca situada no casco urbano da localidade, da que se fai cargo a administración local para evitar o seu deterioro e degradación ambiental.

Por último, mediante o programa de mellora de infraestruturas de uso público, a Consellería investiu 26.883,20 euros que se destinaron á reorganización do andar baixo do concello.

24 de xaneiro de 2017 | 13:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.