publicidade hoxe

Preséntase en Ponteceso o libro “Costa da Morte, crónica marítima” de Rafael Lema

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteceso
A-
A+

O GALP Grupo de acción local do sector pesqueiro e a Fundacion Eduardo Pondal anuncian a presentación do libro “Costa da Morte, crónica marítima” de Rafael Lema. O acto de acceso libre será o 4 de febreiro ás 17,00 h.  na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, A Coruña. Aos presentes entregaráselle gratis un exemplar da obra editada polo GALP de 371 páxinas con 135 fotos, que recolle crónicas da historia do comercio marítimo da cara occidental da costa coruñesa e a influencia do mar na actividade socioeconómica na zona comprendida entre Caion e Fisterra.

COSTA DA MORTE, CRÓNICA MARÍTIMA

En palabras do autor “o obxectivo deste libro é o de descubrir e divulgar o pasado da Costa da Morte na súa vinculación co mar da vida e do comercio, nunha serie de crónicas mariñas que nos achegan aos primeiros datos coñecidos dos nosos pobos, ao período medieval, á Idade Moderna e ao tránsito do Antigo Réxime á sociedade contemporánea, pechando o estudo na primeira metade do século pasado. Este traballo de investigación e divulgación quere dar a coñecer unha serie de crónicas marítimas do espazo xeográfico comprendido entre Caión e Fisterra que tratan sobre o desenvolvemento socioeconómico da comarca orientada ao comercio mariño, co estudo de todos os oficios e labores dalgún modo unidos a este aspecto, para demostrar que sen dúbida é a relación co mar e nosa mesma localización xeográfica de territorio costeiro atlántico o que nos define e marca.

O nacemento e desenvolvemento dos pobos costeiros, as súas relacións comerciais polas rutas do mar, os oficios e tratos unidos ao mundo mariño, son pois parte desta proposta de acercamento á realidade da vida e memoria da Costa da Morte máis aló do naufraxios. Sucesos que por outra banda veñen demostrar unha das premisas deste libro, hai moitos sinistros marítimos porque hai comercio mariño e rutas de gran tradición que atravesan a nosa costa ou entran nas nosas rías. Estamos no centro do Atlántico, fomos así mesmo hai séculos parada e cambalache dos grandes convois das incipientes potencias marítimas europeas, antes da expansión do atlas cos descubrimentos de portugueses e españois. Algúns destes mapas modernos que cambiaron a visión do mundo fixéronse na Coruña. O esplendor gótico das vilas costeiras, os tratos das ricas abadías, o cabotaxe, o desenvolvemento pesqueiro falan dun territorio cheo de vida, e de homes e mulleres que loitaron por facer crecer os seus pobos. A obra estuda o comercio por mar de cereais dos mosteiros de Nemancos e as terras de Bergantiños, da pesca ou a trata de baleas desde a Idade Media, as actividades de corso, construción de barcos, artesanía, salgadura e primeiros labores conserveiros, Feitos históricos onde tivo protagonismo a Costa da Morte. Os oficios e a actividade económica vinculada ao comercio por mar en toda a franxa costeira en inventarios e memoriais como o Catastro de Ensenada do s. XVIII, de onde se analizaron 55 parroquias da zona”.

31 de xaneiro de 2017 | 12:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.