publicidade hoxe

Política Social mellora a atención aos maiores no contorno familiar en Vilariño do Conso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilariño de Conso
A-
A+
José Manuel Rey Varela na reunión co alcalde de Vilariño de Conso

José Manuel Rey Varela na reunión co alcalde de Vilariño de Conso

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, entrevistouse esta mañá co alcalde do municipio ourensán de Vilariño de Conso, Ventura Sierra Vázquez. O obxectivo do encontro, que se enmarca na rolda de contactos que o responsable da área social do Goberno galego está a manter cos primeiros e primeiras edís de Galicia, foi o de coñecer de maneira máis detallada a realidade e as necesidades en materia social que ten esta localidade e así estudar posibles novas liñas de actuación e colaboración entre as dúas administracións que redunden no benestar dos veciños e veciñas de Vilariño de Conso.

Así, entre as principais preocupacións que se abordaron na reunión estivo a atención ás persoas maiores, nomeadamente ás que teñen a súa autonomía limitada. Neste sentido, cómpre sinalar que a Xunta de Galicia incrementou en 2016 en máis dun 22% as horas de coidado a dependentes no seu contorno familiar a través do Servizo de Axuda no Fogar (SAF-Dependencia). Na actualidade, e con esta subida, a ratio de atención do SAF Dependencia nesta vila de Ourense é de practicamente o cento por cen. A Administración autonómica e o ente local financian conxuntamente 639 horas mensuais de SAF Dependencia, sumando ao longo do ano un total de 7.668 horas de atención.

Por outra banda, e no ámbito de familia e infancia, a Consellería de Política Social contribúe ao mantemento do Punto de Atención á Infancia que está en funcionamento neste concello e que oferta 20 prazas. A achega económica da Xunta a este centro ascende a 11.193,26 euros, con cargo á orde de investimentos na rede de escolas municipais da comunidade.

Conselleiro e alcalde abordaron tamén a posibilidade de explorar novas vías de colaboración para a mellora da carteira de servizos sociais que existe na actualidade en Vilariño de Conso. “O diálogo entre as diferentes administracións é vital para garantir unha mellora da calidade de vida dos galegos e galegas a través das políticas sociais”, asegurou o titular autonómico tras finalizar o encontro. Nesta liña, Rey Varela avogou por continuar coa equidade no acceso aos servizos e recursos sociais entre os concellos urbanos e os máis rurais.

24 de xaneiro de 2017 | 17:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.