publicidade hoxe

Patrimonio Natural organiza dúas actividades no CEIP Campo Longo para concienciar sobre a tenza responsable de animais domésticos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+

A Dirección Xeral de Patrimonio Natural da Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio porá en marcha mañá xoves un conxunto de actividades educativas coas que se pretende lograr o compromiso e a implicación dos máis cativos na conservación da natureza e na tenza de animais domésticos. Os proxectos educativos desenvolveranse no marco do Día Mundial da Educación Ambiental para os alumnos de segundo de Primaria do CEIP Campo Longo de Pontevedra.

Conscientes da importancia de promover unha toma de conciencia crítica e sensible respecto do ambiente e a súa incidencia na calidade de vida, o departamento de Patrimonio Natural desenvolverá dous proxectos que consistirán, por unha banda, na introdución de conceptos básicos sobre a conservación da natureza e, por outra banda, nunha experiencia piloto que, mediante a creación do personaxe dun can, os escolares de Primaria coñecerán os dereitos e as obrigas dos propietarios de animais domésticos.

Esta última actividade leva por título Un conto para PI, un can que explicará aos pequenos as medidas hixiénico-sanitarias que serán necesario adoptar e o trato que deberán recibir os animais domésticos para garantir a súa calidade de vida e os efectos beneficiosos que poden ter nos seus coidadores.

A actividade Un conto para PI consta de tres partes: primeiro, a presentación do personaxe e o relato sobre a responsabilidade que implica a tenza dos animais domésticos; segundo, a lectura entre todos os nenos dun conto dedicado a PI e, por último, a creación dun relato cuxo protagonista será o can e que formará parte dun gran libro de contos que podería difundirse entre os centros educativos.

A posta en marcha destes proxectos educativos enmárcase na conmemoración, mañá xoves, do Día Mundial da Educación Ambiental. A orixe da data sitúase no ano 1975, dentro da celebración, en Belgrado, do Seminario Internacional de Educación Ambiental, onde se fixaron os obxectivos de identificar a problemática ambiental e concienciar á sociedade sobre a importancia de ser partícipes na conservación e protección do medio ambiente.

25 de xaneiro de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.