publicidade hoxe

Os Reis Magos serán os encargados de entregar os premios do concurso de Cartas de Nadal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmesSantiago de CompostelaTeo
A-
A+

Por segundo ano consecutivo, os Concellos de Ames, Teo e Santiago puxeron en marcha de forma conxunta, e en colaboración coa Maxia do Nadal, unha iniciativa para encher de contido as cartas coas que os cativos e cativas piden os agasallos.  Este mércores déronse a coñecer os gañadores/as, que recibirán os premios da man das súas maxestades na Festa de Reis que se desenvolverá mañá xoves nos pavillóns polideportivos de Milladoiro e Bertamiráns.

Nesta edición, co lema Conto, canto o Nadal, os Reis animaron ás crianzas a usaren o galego e falaren coa xente máis vella da súa contorna para descubriren como era o Nadal doutrora. Todo o descuberto (cantos, contos, xogos, tradicións, costumes, receitas propias desta época…) puidérono compartir cos magos nunha carta da forma que eles ou elas consideraron.

No Milladoiro, os premiados foron a Aula 4C da Escola Infantil do Milladoiro, que fixo unha carta conxunta, Yago Bouzas Durán, de 6 anos e escolarizado no CEP de Ventín, e Miguel Bautista Vaquero, de 9 anos e que cursa estudos no colexio San Jorge de Santiago. En Bertamiráns, os gañadores/as foron Carmela e Icía Velasco Cures, de 6 anos e do CEIP Agro do Muíño; Lucas Pena Carracedo, de 9 anos e escolarizado no CEIP A Maía; e Nadir Moreira Gómez, de 8 anos e do CEIP de Barouta.

Algunha das cartas premiadas ilustrará a programación de Nadal do ano vindeiro. Para elixir as mesmas, valorarouse a creatividade, a adecuación ao tema proposto e a idade. Ademais, todos os nenos e nenas que participaron e indicaron o enderezo correctamente recibirán unha carta resposta na súa casa cun fermoso agasallo de agradecemento.

4 de xaneiro de 2017 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.