publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

Os Reis Magos percorrerán Cotobade e farán a recepción aos cativos en Cerdedo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobade
A-
A+

O Concello de Cerdedo-Cotobade xa ten todo listo para recibir aos Reis Magos cunha ampla programación que se prolongará durante todo o día 5 e que inclúe a tradicional visita a todas as parroquias de Cotobade e a recepción aos cativos en Cerdedo. Deste xeito, optouse por manter as tradicións dos dous municipios, xa que ademais son perfectamente complementarias e permitirán que os cativos vivan unha intensa xornada coas Súas Maxestades.

O programa comezará co pasarrúas dos Reis Magos por todas as parroquias de Cotobade repartindo caramelos e agasallos aos cativos co seguinte horario estimado: Casa do Pobo de Santa María de Sacos (10.30 horas), Casa do Pobo de San Xurxo de Sacos (10.45), Casa do Pobo de Viascón (11.00), Casa do Pobo de Tenorio (11.15), Casa Escola de Almofrei (11.30), Casa Escola de Borela (11.45), Casa Escola de Rebordelo (12.00), Multiusos de Carballedo (12.15), Casa do Pobo de Corredoira (12.45), Casa Escola das Nenas de Caroi (13.00), Casa do Pobo de Loureiro (13.15), Casa do Pobo de Valongo (13.30) e Casa do Pobo de Augasantas (13.45).

Xa pola tarde, os Reis Magos trasladaranse ata a Praza do Concello de Cerdedo onde, dende as 17.00 horas, farán a súa tradicional recepción aos cativos e a ofrenda ao Neno Xesús. Posteriormente, as Súas Maxestades, xunto con todo o convoi e os participantes, farán un pasarrúas ata o CEIP de Cerdedo para entregar agasallos a todos os nenos. Asimesmo, procederase á entrega dos premios do certame de postais de Cerdedo e haberá animación musical a cargo do grupo Animar-T e merenda a base de chocolates e doces para todo o público.

O amplo Programa de Nadal 2016, que incluíu unha vintena de actividades espalladas por ata 23 puntos do municipio, rematará o sábado 7 de xaneiro co Certame de Cantares de Reis, que se desenvolverá dende as 19.00 horas no ximnasio do colexio de Carballedo. Esta derradeira actividade comezará coa entrega dos galardóns do concurso de postais de Cotobade, xa que este ano se fixeron por separado ao estar programados con anterioridade á fusión, e posteriormente terán lugar os tradicionais Cantares de Reis por parte dos representantes das distintas parroquias. A xornada pecharase coa degustación de chocolate con rosca.

3 de xaneiro de 2017 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.