publicidade hoxe

Os Reis Magos desfilarán por Vilagarcía acompañados dun séquito de 600 persoas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Vilagarcía xa ten todo listo para celebrar un dos eventos anuais máis esperados por nenos e adultos: a visita dos Reis Magos. A grandiosidade da Cabalgata que mañá, xoves 5 de xaneiro, percorrerá as rúas da cidade, ven dada tanto polo número de persoas que comporán o séquito real, unhas 600, como pola vistosidade e luxo das vestimentas coas que irán ataviados. O desfile partirá ás 19:00 horas da Praza da II República (explanada do Auditorio) e rematará no Belén vivinte da Praza de Ravella. Polo medio, Melchor, Gaspar e Baltasar, agasallarán con 2.500 quilos de caramelos sen glute aos milleiros de persoas que enchen cada ano as rúas de Vilagarcía para recibir ás Súas Maxestades.

Quince colectivos do municipio se mobilizan este ano para formar o séquito da Cabalgata no que non faltarán nin a escolta de soldados romanos, nin os paxes nin os pastoriños. Ademais do club de Rugby Os Ingleses, participan no evento as ANPAS dos colexios da Escardia, O Piñeiriño, Rubiáns, Filipense, Anexo A Lomba e Rosalía de Castro; ademais da Banda de Música de Vilagarcía, as asociacións culturais O Souto de Rubiáns, Mar de Arousa de Bamio, Xeada de Cornazo, Os Remolóns de Sobradelo; a asociación San Pedro de Cornazo e os colectivos de Mulleres Rurais O Noso Lar e O Magnolio de Trabanca Badiña. Completan o dispositivo os efectivos da Policía Local que encabezarán o desfile, e os de Cruz Vermella e Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil, que o pecharán e establecerán as medidas de seguridade pertinentes na Praza de Ravella.

O séquito real desfilará a pé, excepto os nenos e nenas e os paxes que acompañarán a Melchor, Gaspar e Baltasar nas súas carrozas. En total haberá seis vehículos reais, tres no que se desprazarán os Reis e outras tres nas que levan os seus respectivos agasallos.

A Cabalgata sairá dende a Praza da II República (explanada do Auditorio) e seguirá pola Avenida da Mariña e Alameda para coller por Conde Vallellano cara Arcebispo Lago, Alexandre Bóveda, Alejandro Cerecedo, Doutor Tourón, Praza de España, Edelmiro Trillo, Praza da Independencia e Arapiles, para rematar ante o Concello despois do paseo a pé dos Reis polos Xardíns de Ravella.

Recepción no Concello

Concluída a Cabalgata e o tradicional discurso ante o Belén Vivinte do Concello, os Reis Magos ofrecerán unha recepción no salón nobre do Concello para que os nenos e nenas que o desexen poidan saudalos persoalmente e falar con eles.

Pero a Cabalgata non será o primeiro acto da axenda real para mañá en Vilagarcía. Tan pronto como cheguen de Oriente, Melchor, Gaspar e Baltasar, teñen previsto visitar a Residencia Divina Pastora para levarlle uns agasallos aos anciáns do centro. Posteriormente recolleranse para descansar e recuperar forzas para participar no desfile.

A Cabalgata de Reis é un dos eventos máis multitudinarios e esperados de todo o ano en Vilagarcía. Ademais dos numerosos colectivos que participan nela, o desfile tamén conta coa colaboración desinteresada de diferentes empresas locais e da zona. Neste caso son Gadisa, Baygar, Grupo ODL e Transportes Pereira.

4 de xaneiro de 2017 | 11:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.