publicidade hoxe

Os obradoiros de emprego Accede e RenovAmes-Brión están realizando traballos de instalación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da accesibilidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

Na actualidade o Concello de Ames, a través da Concellaría de Promoción Económica, e coa colaboración da Consellería de Economía, Emprego e Industria, está desenvolvendo dous obradoiros de emprego. No denominado “RenovAmes-Brión”, que conta con 15 alumnos-traballadores, estanse realizando traballos de montaxe de equipamentos térmicos de biomasa e mantemento e aforro enerxético en varias instalacións municipais de Ames e Brión, mentres que a través do “Accede”, do que se están beneficiando 20 alumnos/as-traballadores/as, estanse executando traballos de mellora da accesibilidade. A través destes obradoiros estas persoas acceden o mercado laboral co obxectivo de formarse en sectores nos que poidan mellorar a súa formación e empregabilidade unha vez finalizadas estas iniciativas.

A concelleira de Promoción Económica, Isabel González, destaca que “estes obradoiros de emprego son un exemplo de servizos compartidos entre distintos municipios. Neste materia Ames e Brión xa levan anos traballando de xeito conxunto”. Ademais, a concelleira agradece “o traballo dos técnicos de ambos Concellos que son as persoas encargadas de levalos adiante”.

O obradoiro RenovAmes-Brión, que ten unha duración de seis meses, conta con 15 alumnos/as traballadores/as e 4 persoas que forman o persoal de dirección, docente e administrativo. A través deste obradoiro estanse realizando traballos de montaxe e mantemento de equipamentos térmicos de biomasa en varias instalacións municipais de Ames e Brión. No concello de Ames instaláronse estufas de pellets nos locais sociais de Piñeiro e Augapesada, mentres que na escola unitaria da Tarroeira (Ortoño) instalouse unha caldeira de pellets, que substitúe á de gasoil, e no local social de Biduído colocouse unha hidroestufa con radiadores.

Por outra banda, no concello de Brión instalouse unha estufa de pellets no local social dos Ánxeles e no local da banda de musica municipal. Neste caso tamén se levaron a cabo actuacións de mellora da eficiencia enerxética na Escola de Música e na Biblioteca municipal. Os traballos de mantemento estanse a executar na instalación solar térmica do pavillón polideportivo de Bertamirans e da escola infantil do Bosque; no Centro de Formación e Emprego do Concello de Ames; nas escolas unitarias de Bastavales, Os Ánxeles e Luaña; no centro social polivalente de Brión; e no centro medico de Brión.

Este obradoiro enmárcase dentro do programa de garantía xuvenil da Xunta de Galicia, para menores de 30 anos de baixa cualificación. Deste xeito, a maioría dos mozos/as que participan nesta iniciativa é o primeiro contrato laboral que teñen.

Mellora da accesibilidade

O outro obradoiro de emprego que se está desenvolvendo na actualidade é o proxecto denominado Accede no que participan 20 alumnos/as traballadores/as e outras 6 persoas do equipo de dirección, docente e administrativo. Neste caso este proxecto está dirixido a realizar obras de pavimentación e albanelería para mellorar a accesibilidade dos espazos públicos municipais. Deste xeito, na urbanización de Aldea Nova executáronse 28 metros cadrados de soleiras de formigón impreso, na praza da Maía estase a realizar diferentes actuacións de retirada de barreiras arquitectónicas que delimitan a praza (procedeuse xa ao levantado do 80% dos bordos que delimitaban o acceso a dito espazo público).

Estes bordos sobresaían do nivel do acabado do pavimento de adoquín rústico e supoñían un impedimento para a normal circulación dos peóns. Debido a iso cortáronse para adaptalos en altura e colocáronse de novo quedando ao mesmo nivel que o resto do pavimento de dita praza. Na actualidade estanse executando estes traballos e quedan por rematar outras actuacións que están previstas neste lugar público, así como no Milladoiro.

Asemade, en Brión realizouse un replanteo dos pasos de peóns para a súa adaptación en última á normativa existente. Para iso empregáronse baldosas de terrazo de 64 botóns, así como as pendentes indicadas. Estes traballos realizáronse en coordinación cos servizos afectados de gas natural e da rede de augas pluviais para facer as dúas acometidas dende as novas arquetas e eliminar a arqueta que invadía o paso de peóns que dá acceso a porta do colexio publico de Brión. Tamén se adaptaron as tapas de dúas arquetas da rede eléctrica a os acabados de baldosa de terrazo cos botóns, por a súa coincidencia no trazado da modificación. Ata o de agora executáronse dous pasos de peóns e falta un por rematar.

Nestes obradoiros de emprego combínase o aprendizaxe teórico coa formación práctica a través da realización de diferentes traballos de instalación de equipamentos térmicos de biomasa e de mellora da accesibilidade. Asemade, en ambos casos os alumnos-traballadores van a obter un certificado de profesionalidade, e no caso do alumnado do obradoiro RenovAmes, isto permitirá que estas persoas poidan obter posteriormente o carné de instalador oficial. A través destes obradoiros estas persoas acceden o mercado laboral co obxectivo de formarse en sectores que están a ser xeradores de emprego e nos que poidan continuar traballando unha vez finalizadas estas iniciativas. 

12 de xaneiro de 2017 | 19:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.