publicidade hoxe

Os concursos de innovación de Cimag-GandAgro avaliarán 21 propostas para premiar o máis eficiente en tecnoloxía agropecuaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSilleda
A-
A+

A II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, Abanca Cimag-GandAgro 2017, a cal se celebrará do 26 ao 28 de xaneiro na Feira Internacional de Galicia ABANCA, recoñecerá a innovación no sector a través de dous concursos, o Abanca GandAgro Innova 2017 e o Máquinas Destacadas Cimag 2017, destinados a premiar o último e máis eficiente en tecnoloxía para o sector primario.

A eles concorren 21 innovacións de 17 empresas presentes na área expositiva, dúas delas estranxeiras, as cales son Agrokit Industrial, Cardelle Hidráulica, Red de Concesionarios Claas de Galicia, Construcciones Metálicas Alcay, Deltacinco, Electricidad Mario, Kunh Ibérica, Mayer Maschinenbaugesellschaft MBH-Siloking, Talleres Blanco y Oro, Apimac Soluciones-Eurogan, Arenas Q-Bed Erimsa, Delagro S. Coop., Grupo Coren, Martínez Idi- Soluciones Ganaderas, Northern Dairy Equipment, Rosber e Sumicor-Suministros Coren.

En canto ao concurso Máquinas Destacadas Cimag 2017, que premiará as innovacións tecnolóxicas en maquinaria que destaquen polos seus avances en deseño, prestacións e calidade do traballo, participan 12 propostas.Entre elas encóntranse un enganche de tractor para remolques flotante/fixo, unha cargadora telescópica deseñada para o manexo de cargas no sector agrícola, un tractor con cabina panorámica e outro cun avanzado sistema intelixente de xestión de motor, unha trituradora para a limpeza de camiños forestais e marxes de estradas e un cargador accionado mediante baterías e motor eléctrico. Tamén participarán  un software  de xestión para a alimentación  do gando, unha suspensión con barras de torsión en segadora-acondicionadora, un incorporador de produto en máquina pulverizadora realizado con material flexible, un sistema de xestión automática  en rotoempacadora de cámara fixa, un mesturador para a alimentación do gando e un remolque agrícola con caixa intercambiable.

Respecto ao concurso GandAgro Innova 2017, cuxo obxectivo é premiar as innovacións destinadas a optimizar os recursos agrogandeiros, concorren 9 propostas, entre elas un alimentador de porcas lactantes, unha area especial para ser empregada como cama de vacas, un novo programa de eficiencia e compromiso pola calidade, seguridade alimentaria, benestar animal e medio ambiente no ámbito gandeiro, un software de xestión empresarial adaptado a cooperativas, unha pala encamadora, un sistema de limpeza para tetos pre-muxido, un separados sólido-líquido de xurros, un sistema de bandexas de extracción semanal de xurros porcinos e un dispositivo de seguridade e benestar animal para instalacións avícolas.

14 expertos nos xurados

Estes concursos contarán con xurados independentes, especializados nos ámbitos relacionados con cada concurso.

Así, o de Abanca GandAgro Innova estará composto por 10 expertos que representarán á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Xunta de Galicia, Axencia Galega de Innovación (GAIN), Colexio Oficial de Enxeñeiros Agrónomos de Galicia, Centros de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo e de Sergude, Facultade Veterinaria de Lugo, Consello Superior de Investigacións Científicas de Galicia, Parque Tecnolóxico de Galicia, Escola Politécnica Superior de Lugo e Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo.

Pola súa banda, o Concurso de Máquinas Destacadas contará cun xurado presidido por  Luis Márquez, presidente de AENOR CTN 68 “Tractores y Maquinaria Agrícola”; no que tamén estarán Fernando Augusto dos Santos, profesor da Escola de Ciencias Agrarias e Veterinarias da Universidad de Tras Os Montes e Alto Douro; Javier Bueno, vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, e Ignacio Ruíz, secretario xeral da AsociaciónNacional de Maquinaria Agropecuaria, Forestal y de Espacios Verdes (Ansemat).

A entrega de galardóns de ambos concursos terá lugar na xornada inaugural do certame no stand de cada firma.

24 de xaneiro de 2017 | 12:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.