publicidade hoxe

Os bovinos autóctonos galegos en perigo de extinción medraron un 5,7% no último ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSilleda
A-
A+

As razas bovinas autóctonas de Galicia en perigo de extinción conseguiron aumentar o seu número de exemplares nun 5,7% no último ano, pasando de 10.012 animais a finais de 2015 a 10.591 a finais de 2016, segundo fontes consultadas pola II Feira Profesional de Maquinaria, Agricultura e Gandería, ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017, que se celebrará do 26 ao 28 de xaneiro.

Destas cinco razas bovinas, a que maior crecemento experimentou foi a Frieiresa, cun 8,5%, pasando de 789 a 856 exemplares, que pertencen a 28 ganderías. Pola súa banda, a raza Cachena aumentou nun 7,7%, de 4.004 a 4.314 animais, propiedade de 150 ganderías; mentres que a Limiá fíxoo nun 5,5%, pasando o seu rexistro de 1.026 a 1.083 reses, de 36 graxas. En canto á Vianesa, incrementou os seus animais nun 4,1%, de 2.705 a 2.816, os cales corresponden a 85 explotacións; e a Caldelá nun 2,3%, de 1.488 a 1.522 reses, de 50 ganderías.

Ademais destas razas de vacún, en Galicia existen outras cinco razas autóctonas en risco de desaparición, as cales se manteñen estables nos seus censos, con 4.172 exemplares de Ovella Galega, 1.069 de Cabra Galega, 26.051 de Galiña de Mos, 2.397 de Porco Celta e 1.684 de Cabalo Galego. 

Unha recuperación e mantemento destas razas que é froito dos programas que se están a levar a cabo dende a Administración e as entidades que xestionan cada unha das razas, como son a Federación de Razas Autóctonas de Galicia (Boaga) e as asociacións integradas nela, Asoporcel (Asociación de Criadores de Gando Celta) e Puraga (Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega). 

Degustación e exposición 

A feira ABANCA CIMAG-GANDAGRO 2017, que se celebra no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, converterase durante tres días nun escaparate para estas razas, para o cal conta co apoio do FEADER. Así, incluirá unha exposición composta por exemplares de todas elas, sendo no caso do Cabalo Galego animais  tanto de Puraga como da  Asociación Pura Raza Cabalo Galego. 

Así mesmo, serán as protagonistas durante a feira dunha degustación. Terá lugar o sábado 28 de xaneiro ás 14.00h no stand de Boaga, e será a base de carne, embutidos e produtos elaborados coas razas bovinas Cachena e Vianesa, Galiña de Mos, Ovella Galega e Porco Celta, todas elas certificados co selo 100% Raza Autóctona. 

100% Raza Autóctona 

O logotipo 100% Raza Autóctona é unha iniciativa das asociacións de criadores de razas autóctonas e do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente (Magrama). Consiste na creación dun selo único, diferencial e recoñecible que permita aos consumidores coñecer a procedencia dos produtos, contribuíndo así á mellora e fomento destas razas. Así mesmo, pretende crear unha imaxe atractiva de cara ao consumo dos produtos das razas e tamén para dotar a estas de valor. 

Este selo ofrece garantías de pureza e cría, feita mediante métodos artesanais cun sistema de produción ao aire libre, ademais da súa transformación e comercialización seguindo a trazabilidade do produto dende o campo ata a mesa. Ao seu uso poden acollerse non só as explotacións que crían aos animais, senón tamén as empresas e restaurantes onde se transforman e comercializan. 

As asociacións Avimós, Asovega, Capriga, Cachega, Caldega, Frieirega, Limiaga, Vianega e Asoporcel  foron xa recoñecidas para o emprego deste logotipo 100% Raza Autóctona.

19 de xaneiro de 2017 | 12:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.