publicidade hoxe

O Teatro Principal de Santiago acolle a representación de “Goldi libre”, unha obra documental sobre a insubmisión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioSantiago de Compostela
A-
A+

A obra Goldi libre, un traballo de teatro documento sobre o movemento da insubmisión, chega mañá venres e o sábado 28 ao Teatro Principal. Hoxe presentouse a montaxe, nunha rolda de prensa na que participaron o seu protagonista, César Goldi; o director, Xesús Ron; e o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios. Tamén interviñeron Modesto Toribio, insubmiso compostelán, e Lucía Oca, membro do grupo antimilitarista Mulleres de Negro.

Goldi libre dá conta do que foi o movemento da insubmisión nos tempos da Transición en España, un movemento que levou a centos de mozos ao cárcere como presos de conciencia e que acabou supoñendo a suspensión do servizo militar obrigatorio. A obra parte da experiencia persoal de César Goldi, un actor veciño de Teo que en 1993 foi xulgado e condenado a 2 anos, 4 meses e 1 día de prisión por negarse a realizar tanto o servizo militar como a prestación social substitutoria.

O director da montaxe, Xesús Ron, explicou que “a obra é unha autobiografía levada á escena, pero que tamén reconstrúe documentalmente unha época”. Nesa liña, apuntou que no traballo “recollemos as achegas que realizaron diferentes grupos de discusión e colectivos como Rompan Filas-Santiago ou Mulleres de Negro”. O resultado, para o director de Goldi Libre, é “unha interesante panorámica da vida da mocidade de Santiago, na primeira Transición e tamén nos primeiros anos noventa”.

Representación didáctica

Precisamente por este valor documental, a obra Goldi libre foi incluída no programa de actividades da Concellaría de Educación con motivo do Día Escolar pola Non Violencia e a Paz, cunha representación para alumnado de bacharelato mañá venres ao mediodía. O concelleiro Manuel Dios mostrouse convencido de que “os adolescentes de hoxe descoñecen totalmente o que foi a insubmisión e o que supuxeron 30 anos dun movemento antimilitarista que non existiu no resto de Europa”.

O edil de Educación quixo poñer en valor o que supuxo este movemento “na cultura de paz e no movemento pacifista”. Ademais, Manuel Dios lembrou que el mesmo se autoinculpou nos procedementos abertos por insubmisión nos anos 70, e chegou a ser xulgado no Tribunal Militar da Coruña.

Encontro co público

Á marxe da representación para estudantes de bacharelato, Goldi libre poderase ver mañá venres e o sábado 28, ás 20:30 horas, no Teatro Principal. Despois da sesión de mañá haberá un encontro co público, no que participarán, ademais de César Goldi, o concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios; o escritor Suso de Toro e Emi Candal.

Goldi libre é o primeiro proxecto que xorde da Berberecheira, un criadeiro teatral promovido pola compañía Chévere, co obxectivo de ampliar a documentación escénica de feitos e historias que conformaron e seguen dando forma ao mundo no que vivimos.

26 de xaneiro de 2017 | 17:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.