publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Sergas asumirá os gastos de mantemento do centro de saúde de Forcarei

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaForcareiLocal Portada
A-
A+

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e a alcaldesa de Forcarei, Belen Cachafeiro Anta, asinaron hoxe un convenio polo cal o Servizo Galego de Saúde asumirá os custos de mantemento do centro de saúde desta localidade.

Segundo o acordo, o Concello comprométese á realizar todos os trámites patrimoniais e urbanísticos que sexan necesarios para a cesión patrimonial, libre de cargas e gravames, das instalacións. En todo caso, se o edificio deixase de prestar servizo sanitario, Forcarei poderá exercitar dereito de reversión sobre el.

A documentación que o Concello deberá remitir ao Sergas inclúe a certificación do acordo do Pleno da corporación municipal cedendo á Administración sanitaria o centro; a certificación de titularidade do Rexistro da Propiedade, así como a situación de cargas e gravames; a referencia catastral; e a certificación de cumprimento do establecido nos artigos 109 e 110 do regulamento de bens das entidades locais (referidos á súa cesión).

Posteriormente, e unha vez autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, a cesión será elevada a escritura pública e inscrita no Rexistro da Propiedade.

Pola súa banda, o Sergas comprométese a asumir os gastos de mantemento do centro de saúde a partir do momento en que se formalice a cesión patrimonial. Neste sentido, o Concello lle facilitará os datos precisos para o cambio de titularidade dos contratos de subministracións vixentes e dos servizos prestados no edificio. As obrigas económicas pendentes, anteriores á data na que o Servizo Galego de Saúde se faga cargo dos gastos de mantemento, corresponderán ao Concello.

Este convenio enmárcase no desenvolvemento do Pacto Local, que recolle unha serie de actuacións entre as que se inclúe a asunción dos custos de mantemento de centros de saúde actualmente a cargo dos concellos.

25 de xaneiro de 2017 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.