publicidade hoxe

O Rosal recibirá máis de medio millón de euros do Plan Concellos, un 8 % máis de recursos que o ano pasado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO RosalPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle este ano 2017 un 8 % máis de recursos ao Concello do Rosal no marco do Plan Concellos. Deste xeito, a vila do Baixo Miño recibirá un total de 556.355,34 €, 41.994,59 euros máis, o que representa un 8,16 % máis de recursos que en 2016, ano no que xa tivo un 30,5 % de incremento respecto a 2015 (o que se traduciu en 120.301,88 € máis). Á marxe do Plan Concellos, O Rosal recibirá este ano outras axudas e subvencións, enmarcadas nas diferentes áreas de actividade da Deputación de Pontevedra, ás que o Concello poderá concorrer.

Investimentos totais durante 2016

Durante o ano 2016 a Deputación de Pontevedra destinou ao Rosal un total de 689.630,85 euros, dos cales 514.360,75 € se corresponderon co Plan Concellos 2016. Ademais, a institución provincial investiu 54.000 € en mobilidade, 44.000 € en cohesión social e xuventude, 24.000 € en cultura e lingua, 19.000 € para o fomento do emprego, 23.000 € para o impulso do deporte, 2.000 € en medio ambiente e outros 900 € para a igualdade entre mulleres e homes.

En concreto, a través da liña 1 do Plan Concellos investíronse 331.667,70 € para a execución dun muro de contención e de cachotaría no lugar do Morán, na parroquia de San Miguel de Tabagón; a adquisición dun tractor con guindastre; a impermeabilización do depósito de auga potable na Buraca; a restauración das cubertas de varios edificios municipais e a pulimentación do terrazo no CPI da Mata. Ademais, 47.673,35 € destináronse ao pagamento de gastos correntes, na liña 2; outros 19.288,52 €, na liña 3, destináronse á Feira do Viño do Rosal e á Festa do Cabaqueiro; e, grazas á liña 4, creáronse 16 postos de traballo nos servizos municipais, cun investimento de 115.731,17 €.

Á marxe do Plan Concellos 2016, O Rosal recibiu 24.470,77 € para o fomento da cultura e a lingua na vila, con máis de 40 actuacións do Pontegal e do Ano Castelao, así como as axudas á sinalización do patrimonio histórico-cultural e memoria histórica e as axudas á dinamización lingüística. Tamén se destinaron 44.170,82 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais comunitarios, as axudas básicas de emerxencia e o servizo de teleasistencia domiciliaria (do que se benefician catro persoas) ou ben mediante os programas “Depo en marcha”, “Depotermal” (con 16 solicitudes), “Depo RÚArte”, “Tecendo lazos” e “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 21 nenas e nenos do Concello.

Do mesmo xeito, O Rosal recibiu 22.665 € para o deporte federado de base, a Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, as axudas aos clubs náuticos, diversas actividades deportivas, a participación en ligas e competicións oficiais, actividades deportivas e as catro DEPOrte Escolas, de balonmán (dúas), fútbol e patinaxe; así como 18.845,76 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que dúas persoas estean a desenvolver a súa primeira experiencia laboral no Concello do Rosal. Tamén se achegaron 889,35 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa “Conectadas 2016”; 2.215,55 € en medio ambiente, mediante as axudas ás cooperativas agrogandeiras; e outros 54.196,18 € en materia de mobilidade, en concreto para o Plan Móvese e as obras de sinalización horizontal nas vías provinciais.

3 de xaneiro de 2017 | 16:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.