publicidade hoxe

O Rio Natura Monbus Obradoiro recibirá en Sar ao Iberostar Tenerife

O Rio Natura Monbus Obradoiro recibirá en Sar este sábado, ás 20.00 horas, ao Iberostar Tenerife, nun partido que estará patrocinado por ABANCA. Esta mañá déronse a coñecer os detalles deste partido patrocinado nunha rolda de prensa realizada no Centro ABANCA Obra Social, situado na praza de Cervantes.

Óscar Rodríguez, membro do Consello de Administración do club, comezou a súa intervención explicando que ABANCA “é un dos nosos principais patrocinadores e é un apoio fundamental para o Rio Natura Monbus Obradoiro. Estamos aquí para agradecerlles a confianza depositada neste proxecto obradoirista, un proxecto a longo prazo. ABANCA sempre nos axuda sexa cal for a nosa situación, igual que a nosa afección e queremos expresar o noso agradecemento publicamente”.

O membro do consello de administración continuou detallando que “o partido deste sábado estará patrocinado por ABANCA e queremos beneficiar aos clientes desta entidade cunha promoción especial: poderán comprar 4 entradas de 9€ cada unha para Tribuna 2 e gozar así de baloncesto de elite en Santiago e animar ao equipo para empezar con bo pé a segunda fase da liga”.

Juan Carlos Carneiro, director territorial de ABANCA en Santiago, deu a benvida a todos os asistentes e asegurou que a entidade se sente identificada “cos valores que defende este club. Un equipo que en cada cancha na que compite representa non só aos seus miles de seguidores, senón tamén a todos os galegos. O Rio Natura Monbus Obradoiro é un orgullo para Santiago e para Galicia, pero tamén un activo que visualiza aos nosos deportistas, aos nosos equipos e as nosas cidades”.

Carneiro continuou explicando que “o noso compromiso co proxecto do Obradoiro segue totalmente vixente. Non podemos permitirnos o luxo de non apoiar decisivamente a este equipo: estivemos aí nos momentos difíciles e imos seguir agora. A nosa entidade considera este patrocinio como unha aposta de presente e futuro, que conta cunha clara vocación de permanencia”.

O director territorial finalizou a súa intervención querendo transmitir “todos os nosos ánimos para empezar con bo pé a segunda volta da competición. Non temos ningunha dúbida de que a calidade dos xogadores, do corpo técnico e do equipo directivo, así como a calor da afección e dos patrocinadores van ser claves para lograr esta semana unha vital vitoria ante o Iberostar Tenerife. Estamos ante un equipo afeito ás xestas, que non teme os retos e que, ao termo das 16 finais que ten por diante, vai presentar un balance moi diferente”.

Moncho Fernández, adestrador do Rio Natura Monbus Obradoiro, reiterou os agradecementos por parte do club a ABANCA e “loxicamente agradecer en nome do equipo e o corpo técnico todos estes ánimos e as facilidades para que a xente veña a apoiarnos. A nosa razón de ser é o público que hai ao noso ao redor e o sentirnos arroupados seguro que fará moito máis fácil a tarefa que temos por diante”.

19 de xaneiro de 2017 | 18:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.