publicidade hoxe

O Plan Concellos destinará máis de 1,1 millóns de euros ao Concello de Ponteareas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonteareasPontevedra
A-
A+

A Deputación de Pontevedra achegaralle ao Concello de Ponteareas durante este ano 2017, no marco do Plan Concellos, 1.144.952,94 €. Son 33.224,26 € máis, o que representa un crecemento do 3 % con respecto a 2016, ano no que xa tivo un aumento dun 13 % sobre os investimentos que o municipio recibiu en 2015, 126.691,40 € máis.

Ao longo de 2016 a Deputación de Pontevedra investiu en Ponteareas 1.485.318,03 €. En liñas xerais, desta contía, 1.111.728,68 € correspondéronse co Plan Concellos 2016. Así mesmo, a institución provincial investiu 108.444,19 € en mobilidade, 54.149,03 € en cultura e lingua, 48.914,40 € en emprego, 41.895,24 € en cohesión social e xuventude, 34.670 € en deportes, 13.340,25 € en igualdade e 6.000 € en medio ambiente.

En concreto, Ponteareas investiu 820.680,75 € da liña 1 do Plan Concellos no anteproxecto para o acondicionamento da área recreativa da Freixa; a mellora da seguridade viaria en Canedo, Arnoso, Areas, Cillarga, Cumiar e Mouro; o proxecto de colocación de marquesiñas en Ponteareas; o proxecto de sinalización e marcado de vías da vila; a reposición do saneamento na rúa Rogelio Groba; o proxecto de abastecemento de auga no barrio de Ribeira do Río Tea; o saneamento do barrio da Igrexa e O Areal; a actuación en dous tramos do saneamento existente nas inmediacións do IES Pedra da Auga; a memoria descritiva das obras do conservatorio municipal; a reparación do saneamento da rúa da Braña; as obras na escola infantil; a investimentos en humanización do Paseo Matutino e a ampliación da rede de abastecemento en A Chan-Vilafría e no cruceiro de Ponteareas. Tamén destinou, a través da liña 3, 41.000 € para as Festas do Corpus Christi e de setembro e para a escola de música e conservatorio; así como 250.047,93 €, da liña 4, para a contratación de 34 persoas para desempeñar tarefas no Concello de Ponteareas.

No caso do fomento da cultura e a lingua, o Concello recibiu 54.149,03 €, a través dos cales se organizaron 58 actuacións do Pontegal; así como para a dinamización lingüística, a sinalización e rehabilitación do patrimonio histórico e a memoria histórica, e a organización de dúas actividades enmarcadas no Ano Castelao.

Tamén se destinaron 41.895,24 € para cohesión social e xuventude, ben a través dos servizos sociais especializados, ben mediante os programas “Depotermal” (do que se beneficiaron nove persoas), “En ruta coa Depo” (no que participaron 18 asociacións), “Deporúarte”, “Depo en marcha” (do que se beneficiaron 10 asociacións de Ponteareas) ou “Depo Aventura A Lanzada”, no que participaron 73 nenas e nenos do Concello.

Do mesmo xeito, Ponteareas recibiu 34.670 € para 17 clubs de deporte federado de base para que tres clubs puidesen participar na Copa de Fútbol Deputación de Pontevedra, para as escolas deportivas (seis de balonmán, unha de fútbol e un de judo) e para a organización de dúas actividades deportivas no concello. Tamén se destinaron 48.914,40 € para o fomento do emprego a través do Plan de práctica laboral, que permite que catro persoas desenvolvan a súa primeira experiencia laboral no Concello de Ponteareas e unha nunha empresa do concello. Tamén se achegaron 13.340,25 € para o fomento da igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, a través do programa Conectadas, que organizou no concello 18 cursos de formación.

Así mesmo, a institución provincial achegou 108.444,19 € en materia de mobilidade para obras de sinalización horizontal nas vías provinciais e 6.000 € para o mantemento dos campos de fútbol de Xinzo e de Pardellas.

3 de xaneiro de 2017 | 16:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.