publicidade hoxe

O Piñeiriño xa conta co segundo centro de compostaxe comunitario

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A boa acollida que o plan de compostaxe comunitario está a ter no barrio do Piñeiriño fixo necesario ampliar o número de composteiros no centro emprazado no Parque e crear un novo punto que xa está instalado na zona verde das Palmeiras, na rúa Pardo Bazán. O departamento de Medio Ambiente convoca aos veciños ás charlas a celebrar este xoves para informar sobre a posta en marcha deste segundo centro de compostaxe comunitario e sobre o uso correcto do mesmo.

A implantación da compostaxe comunitaria en núcleos urbanos está fraguando entre os veciños do Piñeiriño, o primeiro barrio de Vilagarcía que se sumou ao plan “Revitaliza” posto en marcha pola Deputación coa colaboración do Concello. Tras un comezo tímido, ao comprobar que os sistema non provoca ningún tipo de molestias e contribúe a unha mellor xestión dos residuos urbanos e á redución dos mesmos, co paso do tempo foron sumándose máis e máis veciños.

Para poder recibir e tratar toda a materia orgánica que estes xeraban, nun primeiro momento solicitáronse tres novas liñas de composteiros para sumar ás 3 xa operativas no parque do Piñeiriño. Pero os cidadáns seguiron apuntándose, polo que acaba de instalarse o segundo centro comunitario de compostaxe na Rúa Pardo Bazán, na zona das Palmeiras, dotado con outras 6 liñas de depósitos.

Este novo centro entrará en funcionamento de forma inmediata. Para informar aos veciños e usuarios do programa desta novidade, así como da forma de proceder para elaborar o abono natural denominado compost a través dos residuos orgánicos que se xeran nas casas, o departamento de Medio Ambiente que dirixe Lino Mouriño organiza este xoves, 12 de xaneiro, dúas charlas informativas no centro veciñal Breogán. A primeira ás 11 da mañá e a segunda ás 19:30 horas. Dende o Concello anímase aos cidadáns a que asistan para informarse correctamente e para coñecer á mestra composteira que se encarga de facer o control e seguimento do plan de compostaxe e que é quen os asesora e resolve as súas dúbidas.

Tamén se informa de que as persoas que desexen participar na experiencia deben inscribirse a efectos de levar un control e poder realizar as estatísticas correspondentes sobre a cantidade de residuos xerados e reciclados, así como da cantidade de compost producido finalmente.

10 de xaneiro de 2017 | 11:14 • Sen comentarios

Comentarios pechados.