publicidade hoxe

O Pazo de Liñares estrea aparcadoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

O Concello de Lalín vén de finalizar as obras de construción dun aparcadoiro integrado no entorno paisaxístico do Pazo de Liñares, que quedará operativo definitivamente dende este mesmo venres, tal e como anunciou o concelleiro de Turismo e Obras, Francisco Vilariño. Este novo espazo cubrirá as carencias de estacionamento que presentaba este edificio declarado Ben de Interese Cultural(BIC) no ano 2009 e que funciona como un dos principais reclamos turísticos do municipio. O terreo acondicionado abarca unha superficie de 5.280 metros cadrados, polo que dará cabida comodamente a unha gran cantidade de vehículos, incluíndo unha área propia para o estacionamento de autocares. As obras desta infraestrutura foran comenzadas por un obradoiro de emprego na etapa do anterior goberno, pero a mala planificación do mesmo e o seu pouco tempo de duración non permitiron a execución completa dos traballos. Porén o Concello fíxose cargo a través dun novo proxecto das tarefas pendentes (un 75% estaba sen executar) para deixar o aparcadoiro operativo, garantindo, ao mesmo tempo, a súa integración paisaxística co entorno do Pazo de Liñares.

O novo proxecto roldou os 55 mil euros e serviu para executar diversas obras sobre o terreo, como limpezas e desbroces, así como desmontes en terra da explanada, recheos, extendidos e compactacións, para que a superficie quedase en perfectas condicións. Paralelamente realizáronse tarefas de drenaxe e saneamento, coa instalación de colectores e arquetas de sumidoiro. En canto a  pavimentos e muros, colocáronse rigolas a base de lousas de granito moreno e dotouse a superficie dun pavimento terrizo peonil de zahorra cor area, con humectación e compactación. Así mesmo, deuse remate aos muros perimetrais compostos por mampostería granítica. O espazo contempla a definición de camiños de acceso ao pazo para a comodidade dos visitantes, ademais da súa ornamentación con árbores como árbutos, enebros e coníferas que serven para alcanzar unha completa integración paisaxística da infraestrutura nun ambiente tan singular como o do Pazo de Liñares.

O concelleiro de Obras e Turismo, Francisco Vilariño, supervisou a finalización da infraestrutura xunto co alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, e a concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso. O edil fixo fincapé na importancia desta actuación “coa que se consegue, dalgunha maneira, completar o conxunto do Pazo de Liñares, un edificio” -apunta- “que consideramos unha auténtica xoia e un dos maiores atractivos para os visitantes, de aí o noso compromiso coa execución duns traballos que tiveron moita complexidade”. “A nosa aposta por Liñares é firme” -continúa- “e sen dúbida esta nova área de estacionamento reforzará moito as prestacións dun edificio que seguiremos dotando de contido con novas iniciativas que iremos anunciando proximamente”, finalizou. 

12 de xaneiro de 2017 | 19:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.