publicidade hoxe

O Pazo da Cultura de Narón acollerá este domingo un obradoiro vencellado á estrea do espectáculo “Emoticores”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaNarón
A-
A+

As nenas e nenos que asistan o vindeiro domingo, día 15, á estrea do espectáculo de danza contemporánea “Emoticores”, de Las Tricotouses – ás 18.00 horas no Pazo da Cultura- poderán participar esa mesma mañá, entre as 11.00 e as 12.30 horas, xunto coas súas familias no Obradoiro “Emoticores”. Durante unha hora e media os participantes traballarán coas cores e as emocións, da man das coreógrafas e bailarinas Rut Balbís e Cristina Montero –integrantes de Las Tricotouses– e da psicóloga Paula Pintos.

O espectáculo de danza “Emoticores” está dirixido a maiores de seis anos, e máis concretamente a nenos e nenas de segundo ciclo de Primaria (8 a 12 anos) e no mesmo as cores, o movemento e as proxeccións audiovisuais xogarán un papel fundamental para que o público identifique diversas emocións. O espectáculo leva implícitas unha serie de propostas pedagóxicas, entre as que se inclúe o citado obradoiro matinal, cunha marcada perspectiva lúdica e orientado a introducir o traballo co corpo como resonador das propias emocións, tal e como indican desde a compañía. Así mesmo, incídese na necesidade dos menores de contar con “espazos donde recoñecerse e expresarse afectiva e emocionalmente”, aludindo ao papel que xogan tamén as escolas co fin de alcanzar “un modelo educativo máis integrador, humán e creativo”.

As persoas interesadas en adquirir entradas para o espectáculo de danza de Las Tricotouses poden adquirilas na billeteira do Pazo da Cultura ou a través da web do Padroado –www.padroadodecultura.es-, a un prezo de 9,50 euros para o público en xeral e de 6,65 para abonados, menores de 14 anos e desempregados.

Na xornada de mañá sábado terá lugar, tamén no Pazo, o concerto da cantautora galega Sés, que interpretará temas do seu último disco, “Opoñerse á extinción”. A cita será a partir das 20.00 horas e as últimas entradas dispoñibles –a día de hoxe están vendidas máis de setencentas- poden adquirirse na billeteira do Pazo ou na web do Padroado, a un prezo de 12 euros para o público en xeral e de 8,40 para abonados, menores de 14 anos e desempregados.

13 de xaneiro de 2017 | 18:32 • Sen comentarios

Comentarios pechados.