publicidade hoxe

O Ministerio de Fomento constrúe o aparcadoiro e a parada de autobuses en Calvelo no marco da mellora da estrada N-541

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCerdedoCotobade
A-
A+

O Ministerio de Fomento está a construír, a través da firma adxudicataria da mellora da N-541 en Calvelo (Tenorio), un espazo de aparcadoiro e unha parada para autobuses no marco desta actuación enfocada a reforzar a seguridade vial nesta estrada nacional coa construción dun enlace ao lugar. Esta obra foi xestionada polo presidente de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e polo concelleiro José Pichel ante técnicos de Demarcación de Estradas e da empresa na compaña de representantes veciñais e da comunidade de usuarios de augas, que foron os que trasladaron esta solicitude ao rexedor, hai apenas dez días.

A actuación, que acaba de comezar, consiste na habilitación dun espazo no lateral da N-541 no que se creará un espazo de aparcamento, moi necesario na zona, e no que se deseñará unha parada para os autobuses de tal xeito que se facilite a subida e baixada dos usuarios do transporte público a estes convois reforzando a fluidez do tráfico e minimizando os riscos de sinistraliedade. Na actualidade, os primeiros traballos céntranse na nivelación e compactación deste espazo.

Cubela valorou moi satisfactoriamente a resposta “rápida e positiva” dos representantes ministeriais ás súas solicitudes e destacou que esta engádega supón “un avance máis” na seguridade vial na zona. Asimesmo, tamén informou que a empresa adxudicataria vai acometer, cando rematen os traballos, a reposición dos servizos afectados, especialmente os que se refiren ás traídas e canalizacións de augas, que era outra das demandas dos veciños. “Todos os servizos, sobre todo o de augas, quedarán en perfectas condicións para que poidan seguir sendo utilizados polos usuarios”, explicou o presidente.

A mellora da N-541 en Calvelo, orzamentada nuns 700.000 euros, céntrase na construción dun enlace que permitirá reforzar a seguridade vial neste punto da estrada nacional con diversas melloras técnicas e coa habilitación dun acceso directo ás vivendas desta aldea sen que os veciños teñan que desprazarse ata Tenorio para facer o cambio de sentido correspondente.

4 de xaneiro de 2017 | 11:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.