publicidade hoxe

O Grove convoca un Obradoiro Formativo de Videocreación dentro do programa Youtubeir@s

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

O Concello do Grove é un dos participantes no proxecto Youtubeir@s, unha iniciativa posta en marcha polos servizos de normalización lingüística dos concellos de A Baña, Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove e as universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Coruña que ten como finalidade un incremento dos vídeos en galego na rede.

Dentro desta iniciativa ofrécese unha formación específica en videocreación que será impartida pola produtora “Illa Bufarda” na que se aportarán coñecementos sobre linguaxe audiovisual para facilitar que os interesados en participar no concurso poidan contar con recursos para facelos. Deste xeito, na primeira sesión formativa que terá lugar o luns 23 ás 18.00 horas na aula de informática da Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey, daranse consellos básicos para sacarlle o maior rendemento a cámara dos dispostivos móbiles e para mellorar a forma de transmitir as nosas mensaxes (elaboración de guión). Na segunda sesión formativa, que será o luns seguinte, editarase o material e aprenderase a subilo a Youtube. Mantese ademais un servizo de asistencia en liña para calquera dúbida que os participantes teñan entre a primeira e segunda sesión.

As prazas para participar nestes obradoiros son limitadas polo que compre inscribirse canto antes no Servizo de Normalización Lingüística do Concello situado na Casa da Cultura Manuel Lueiro Rey ou ben a través do mailnormalizacionlinguistica@concellodogrove.es ou no teléfono 986733390; tamén se admiten inscricións polo Facebook.

18 de xaneiro de 2017 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.