publicidade hoxe

O goberno de Ames recibe a Ángeles e Isabel Abelleira galardoadas co Premio Marta Mata de pedagoxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+
Recepción ás irmás Abelleira

Recepción ás irmás Abelleira

O goberno municipal realizou este mércores pola tarde unha recepción oficial ás irmás Ángeles e Isabel Abelleira, que foron galardoadas recentemente co XXXVI Premio de Pedagoxía Marta Mata, outorgado por la Asociación de Mestres Rosa Sensat de Cataluña. Dito galardón premiou o libro “Os fíos de infantil. InnovArte Educación Infantil”, que recolle setenta experiencias levadas a cabo durante os últimos sete anos con nenos e nenas de segundo ciclo de educación. Este traballo será publicado en español pola editorial Octaedro, en catalán por Rosa Sensat, e en galego pola editorial Galaxia. Ademais, nesta recepción participaron concelleiros/as de varios grupos políticos con representación na corporación, veciños/as, familiares e compañeiros/as de profesión das irmás Abelleira. 

O goberno municipal, co alcalde, José Miñones, e co concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, á cabeza, recibiron no salón de plenos ás irmás Ángeles e Isabel Abelleira que no pasado mes de decembro foron galardoadas co Premio de Pedagoxía Marta Mata. O goberno municipal quixo recoñecer así o traballo e traxectoria profesional de máis de 20 anos destas dúas docentes que exercen como profesoras en centros de ensino público do concello de Ames. Concretamente, Isabel Abelleira, é directora do CEIP da Maía, mentres que Isabel Abelleira exerce como profesora na EEI do Milladoiro.   

O alcalde de Ames, José Miñones, destacou “o traballo de Ángeles e Isabel Abelleira no ámbito da educación e que se veu recoñecido con este XXXVI Premio de Pedagoxía Marta Mata, outorgado no pasado mes de decembro en Barcelona. Ames dispón de grandes profesionais nesta materia o que é unha garantía de que o alumnado amesán está sendo formado do mellor xeito posible”. Ademais, Miñones engadiu que “dende o goberno municipal estamos realizando unha serie de recepcións aos veciños e veciñas con logros destacados en diversos ámbitos. Este acto enmárcase dentro dese programa de recepcións que estamos realizando nos últimos meses”.

As irmás Abelleira agradeceron a recepción feita polo Concello e indicaron que “o motivo deste recoñecemento é o premio Marta Mata de Pedagoxía que nos foi concedido pola asociación de mestres Rosa Sensat por un libro que escribimos. Galardón que en 36 edicións é a primeira vez que se lle concede a persoas de fóra de Cataluña e que nós lle brindamos á educación galega e amesá como mostra do noso compromiso con ela. Gústanos facer fincapé en que máis alá do orixinais que poidan ser as nosas propostas ou reflexións educativas, o noso mérito radicaría no feito de amosar o que se fai dentro das aulas”.

Blog InnovArte Educación Infantil

Estas docentes levan máis de sete anos expoñendo no blog InnovArte Educación Infantil o seu discurso sobre a educación infantil, o que xa as levou a acadar no 2012 o máis prestixioso premio educativo que hai no estado español, o Francisco Giner de los Ríos á mellora educativa, e tamén foi motivo de que no 2014 as seleccionaran para representar a España na I Rede Iberoamericana de Innovación educativa en Educación infantil, así como a ser finalistas autonómicas no premio FAD no 2015.

Ademais, as irmán Abelleira adiantaron que “o noso libro Os fíos de infantil. Innovarte educación infantil está neste momento en proceso de edición en catro linguas: catalán,  español, brasileiro e, por suposto, como non podía ser doutro xeito, en galego coa editorial Galaxia. Aínda non temos pechados todos os detalles pero nos vindeiros meses faremos a presentación oficial do libro neste noso concello, e será  no CEIP A Maía, centro ao que ambas nos sentimos moi vinculadas por ser o colexio no que as dúas iniciamos a nosa escolaridade hai xa unhas cantas décadas”.

O concelleiro de Educación e Cultura, David Santomil, rematou dicindo que se trata dun “premio moi importante en materia de educación infantil”. Ademais, engadiu que “este galardón é a primeira vez que o reciben unhas docentes que non son cataláns”. Por último, Santomil destacou que “con este acto quixemos facer un recoñecemento ao traballo realizado por estas dúas docentes ao longo de máis de 20 anos de traxectoria profesional. O obxectivo do goberno municipal é abrir as portas da Casa do Concello a todas aqueles veciños e veciñas que destaquen en algunha faceta profesional”.

19 de xaneiro de 2017 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.