publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade entrega os premios do concurso Imaxes con Fondo III

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaA GuardaAmesCartelleLocal PortadaLugoMondoñedoNigrán
A-
A+
Entrega de premios aos gañadores

Entrega de premios aos gañadores

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que o Concello de Ames é socio, acaba de dar a coñecer os gañadores do concurso de fotografía e vídeo Imaxes con Fondo. O fotoxornalista Adrián Irago recibiu o primeiro premio do certame pola instantánea “Arribando en Lesbos” que amosa a chegada dun grupo de refuxiados ás costas gregas, convidando a reflexionar sobre o que a diario acontece no Mediterráneo e a corresponsabilidade de Europa na busca dunha solución. Os lucenses Evaristo Pardeiro e María Luz Arias fixéronse co segundo e terceiro posto retratando a cultura hindú e un campo de refuxiados, respectivamente.

O concurso Imaxes con Fondo naceu no ano 2012 da man do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade como unha ferramenta para promover a reflexión e animar aos e ás cidadáns a mudar a súa actitude, adoptando condutas máis solidarias e respectuosas cos demais. Este ano o concurso incluíu por primeira vez a modalidade de vídeo.

O primeiro premio desta edición do certame foi para o reporteiro Adrián Irago, que recibiu de mans do presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, o galardón que se materializará nunha viaxe a Mozambique para realizar un traballo fotográfico sobre a realidade do país lusófono e os proxectos alí apoiados pola entidade organizadora. Irago gañou este concurso coa instantánea Arribando en Lesbos, que mostra a chegada dun grupo de refuxiados ás costas gregas.

Daniel Fernández, concelleiro en Cartelle e membro da Comisión Executiva do Fondo Galego, entregoulle a cesta de produtos do segundo premio a Evaristo Pardeiro, natural de Mondoñedo e afincado en Lugo, por Outra cultura, o mesmo ollar, que pon en valor as tradicións da India e cuestiona o ritmo de vida occidental.

O terceiro premio do certame devólvenos á fuxida desde Siria con Vivindo nun limbo, fotografía que nos fai mirar a través da reixa dun campo de refuxiados para conectarnos coa ollada do neno protagonista. Rocío Fraga, concelleira da Coruña e directiva do Fondo Galego, fíxolle entrega do galardón a María Luz Arias, dotado cun lote de películas de temática social.

Presentáronse 84 obras pertencentes a 35 participantes

Un total de 84 fotografías presentadas por 35 participantes concorreron ao concurso Imaxes con Fondo, que nesta terceira edición convidaba a reflexionar sobre a interculturalidade. O prazo de recepción de obras pechouse o 15 de novembro e, a continuación, abriuse un período para que as seguidoras e seguidores do Fondo Galego en Facebook puidesen votar as imaxes.

As quince obras mellor valoradas foron logo avaliadas polo xurado, conformado por Daniel Fernández, vogal da Comisión Executiva do Fondo Galego polo Concello de Cartelle; Conchi Pernas, técnica do Concello de Burela; Natalia Monje, da ONGD Ecos do Sur, e o fotoxornalista Felipe Carnotto, gañador de Imaxes con Fondo II.

O Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 88 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

11 de xaneiro de 2017 | 12:44 • Sen comentarios

Comentarios pechados.