publicidade hoxe

O Concello do Grove acolle unha exposición cos carteis da Festa do Marisco

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaO Grove
A-
A+

Coincidindo coa ubicación provisional da Oficina de Turismo nos baixos do Concello do Grove debido ás obras de reforma das dependencias deste servizo, o Concello do Grove ten posto en marcha unha exposición cos carteis da Festa do Marisco dende os seus inicios. Deste xeito, os visitantes que se acheguen á facer as súas consultas á Oficina poderán ver unha interesante mostra que incide na promoción do evento turístico de maior importancia do Grove e da provincia.

A mostra está composta por 48 carteis que van dende a primeira edición no 1963 ata os máis recentes. Debe destacarse que no arquivo municipal faltan algún dos carteis de edicións intermedias por diversas circunstancias, como que non se tivera feito ou non se arquivara. Lembramos que estes carteis non se expoñen dende hai 3 anos, cando se celebrara unha exposición monográfica con gallo do 50 aniversario da Festa.

Entre os carteis expostos poden verse curiosidades como unha das dúas versións realizadas do cartel da primeira edición, unha peza deseñada por Lugrís, varias da autoría do artista local Gogue e incluso pezas elaboradas con imaxes aéreas do Grove onde se perciben os cambios da localidade. A exposición permite realizar unha posta a punto dos carteis, realizando unha limpeza dos mesmos e revisando os enmarcados. Deste xeito está previsto elaborar un sistema de almacenaxe dos mesmos para garantir un mellor arquivo e evitar o seu deterioro unha vez rematada a exposición. 

18 de xaneiro de 2017 | 19:24 • Sen comentarios

Comentarios pechados.