publicidade hoxe

O Concello de Mos presenta a súa Ordenanza Reguladora das Tarxetas de Estacionamento para persoas con mobilidade reducida

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e a concelleira de Política Social, Sara Cebreiro, informaron hoxe de que será levada a aprobación ao vindeiro Pleno ordinario da Corporación Municipal a celebrar o luns 30 de xaneiro a nova Ordenanza Municipal Reguladora da Expedición das Tarxetas de Accesibilidade: tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida e tarxeta de persoas usuarias.

As representantes municipais destacaron respecto da mesma dous cuestións fundamentais: por unha banda que a tarxeta irá vinculada á persoa titular e non á matricula dun vehículo, de xeito que os beneficiarios da mesma poidan facer uso dela independentemente do automóbil no que se despracen; e por outra banda que o titular da tarxeta poderá estacionar o coche no que viaxe por tempo ilimitado en Zona Azul (en Mos existe Zona Azul de aparcadoiro en Puxeiros e Sanguiñeda). E tamén anunciaron que, a partir de agora e tal como se está a facer na maioría dos concellos, será a Policía Local de Mos, con oficinas en Puxeiros, quen atenda aos demandantes mosenses destas tarxetas tanto para tramitar a súa solicitude como para obter máis información sobre as mesmas.

As derradeiras normas municipais reguladoras para a expedición da tarxeta de estacionamento de discapacitados foron aprobadas polo Pleno do Concello de Mos en  1998. Por iso agora creouse a presente Ordenanza coa finalidade de establecer unha regulación municipal acorde coa normativa actual e fundamentalmente trazar os requisitos e procedemento para a expedición da tarxeta de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida e de persoas usuarias.

O obxectivo principal da tarxeta de estacionamento é favorecer o uso dos transportes privados por persoas con problemas de mobilidade e para que o seu titular poida gozar de facilidades de estacionamento. 

No caso da tarxeta de accesibilidade de usuarios, concederase ás persoas con algunha limitación, con carácter persoal e intransferible, como documento acreditativo da súa situación de discapacidade, para favorece-lo uso e desfrute dos transportes públicos.

As tarxetas de estacionamento de vehículos automóbiles para persoas con discapacidade que presenten mobilidade reducida e de persoas usuarias concedidas polo Concello de Mos, terán validez en todo o territorio español.

Poderán obter a tarxeta de estacionamento e de accesibilidade  aquelas persoas físicas empadroadas no Concello de Mos que teñan recoñecida oficialmente a condición de persoa con discapacidade.Tamén poderán obter a tarxeta de  estacionamento as persoas físicas ou xurídicas que teñan o seu domicilio social no termo municipal de Mos e sexan titulares de vehículos destinados exclusivamente ao transporte colectivo de persoas con discapacidade que presten servizos sociais de promoción da autonomía persoal e de atención á dependencia. 

O prazo de validez da tarxeta fixarase en 10 anos a contar desde a data do acordo de concesión do cartón sempre que o ditame determine a existencia dunha mobilidade reducida con carácter permanente. Cando a mobilidade reducida sexa de carácter temporal, a validez da tarxeta está marcada polo prazo daquela. Para renovar a tarxeta é imprescindible que o titular manteña os requisitos esixidos para o seu outorgamento.

No caso de mobilidade reducida temporal a concesión da tarxeta de estacionamento provisional terá unha duración máxima dun ano, podendo prorrogarse por un período igual, sempre que se manteñan as condicións iniciais requiridas para o seu outorgamento.

Os titulares da tarxeta de estacionamento terán os seguintes dereitos en todo o territorio nacional sempre e cando exhiban de forma visible a tarxeta no interior do vehículo:

a) Reserva de praza de aparcadoiro, previa a oportuna solicitude e xustificación da necesidade de acordo coa normativa autonómica e estatal de accesibilidade, en lugar próximo ao domicilio ou posto de traballo. A praza deberá sinalizarse co símbolo internacional de accesibilidade.

b) Estacionamento nos lugares habilitados para as persoas con discapacidade.

c) Estacionamento nas zonas de aparcadoiro de tempo limitado durante o tempo necesario.

d) Parada nas zonas reservadas para carga e descarga, sempre que non se ocasionen prexuízos aos peóns ou ao tráfico.

e) Parada en calquera lugar da vía, por motivos xustificados e polo tempo indispensable, sempre que non se ocasionen prexuízos aos peóns ou ao tráfico e de acordo coas instrucións dos axentes da autoridade.

f) Acceso a vías, áreas ou espazos urbanos con circulación restrinxida a residentes sempre que o destino se encontre no interior desa zona.

Cando o titular da tarxeta sexa unha persoa física poderá utilizala en calquera vehículo en que se traslade, sexa ou non da súa propiedade e sexa o titular da tarxeta o condutor do vehículo ou non. Cando a titular da tarxeta sexa unha persoa xurídica deberá incluír a ou as matrículas dos vehículos habilitados para transportar ás persoas con graves problemas de mobilidade. Cando se faga uso dos dereitos que confire esta tarxeta, esta colocarase nun lugar visible do vehículo.

A posesión da tarxeta de estacionamento en ningún caso supoñerá autorización para estacionar en zonas peonís, en pasos peonís, nos lugares e supostos en que estea prohibido parar, lugares que obstrúan vaos ou saídas de emerxencia, zonas acoutadas por razóns de seguridade pública e espazos que reduzan carrís de circulación.

A tarxeta de estacionamento permite o aparcadoiro de vehículos en zonas non autorizadas, durante o tempo imprescindible, a condición de que non supoña un obstáculo para a normal deambulación de peóns ou circulación doutros vehículos, non podéndose estacionar, en ningún caso, nos seguintes lugares:

– Zonas reservadas a vehículos de servizos de urxencias: sanitarios, bombeiros, corpos de seguridade, etc.

– Saídas de emerxencia.

– Paradas de autobuses e auto-taxis.

– Carrís reservados a autobuses, auto-taxis e bicicletas.

– Ramplas e elementos de accesibilidade para a superación de barreiras arquitectónicas.

– Vaos, pasos a nivel e pasos de peóns.

– En todos aqueles lugares nos que estea prevista a retirada con guindastre. 

A tarxeta de estacionamento permite igualmente aos seus titulares o aparcadoiro durante o tempo imprescindible e sen limitación horaria nos aparcadoiros reservados para discapacitados e na Zona Azul. Así mesmo o Concello deberá establecer reservas con carácter permanente de prazas de aparcamento debidamente sinaladas para vehículos que transporten as persoas titulares desta tarxeta. Situaranse próximas aos pasos de peóns dentro das zonas destinadas a aparcamentos de vehículos lixeiros, ben sexan interiores, exteriores ou subterráneos. 

Por último Arévalo e Cebreiro destacaron a importancia desta Ordenanza que regula unha serie de facilidades de mobilidade para un colectivo sensible e con maiores dificultades que o resto da sociedade como son as persoas que sofren algún tipo de discapacidade. “Todo o que poidamos facer para contribuír a que teñan unha vida máis doada é pouco”, concluíron.

24 de xaneiro de 2017 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.