publicidade hoxe

O Concello de Curtis xestiona a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes para o Clima e a Enerxía

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCurtis
A-
A+

Curtis está a xestionar a adhesión ao Pacto dos Alcaldes para o Clima e a Enerxía que, lanzado pola Comisión Europea, supón un compromiso dos asinantes para fortalecer os seus territorios con medidas contra o cambio climático e para permitir aos seus cidadáns o acceso a fontes de enerxía seguras, sustentables e alcanzables. Trátase do principal movemento europeo deste ámbito no que participan autoridades locais e rexionais e foi asinado por máis de 6.500 municipios de toda Europa.

A través deste pacto, os concellos tamén pretenden converter as accións para mitigar o cambio climático nunha oportunidade para o desenvolvemento local, a creación de emprego e a conformación dun novo modelo de sociedade, máis envorcado no coidado do medio ambiente.

Co fin de profundar neste desafío, o portavoz e edil responsable de Medio Ambiente, Antonio Fraga, acudiu recentemente ás Xornadas para o Pacto dos Alcaldes para o Clima, a única reunión celebrada en Galicia e que foi auspiciada pola  Fegamp e Europe Direct A Coruña. Na reunión expúxose como xerar mellores oportunidades financeiras para os proxectos municipais en materia de clima, enerxía e medio ambiente.

Para o Concello de Curtis este sería un novo paso na súa aposta por implementar políticas públicas baseadas no desenvolvemento sustentable, iniciado xa coa implementación do Plan de Acción para a Sustentabilidade, enmarcado na Axenda XXI de Nacións Unidas, e que supuxo avances claves na xestión de residuos, saneamento e ordenamento urbanístico. Actualmente, atópase, ademais, traballando na planificación dos proxectos que de maneira integral e transversal quere desenvolver en materia de medio ambiente e sustentabilidade nos próximos anos. 

2 de xaneiro de 2017 | 17:51 • Sen comentarios

Comentarios pechados.