publicidade hoxe

O Concello de Ames retira outros dous vertedoiros incontrolados en Riamontes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaAmes
A-
A+

A brigada de garda medioambiental do Concello de Ames recolleu esta semana dous novos vertedoiros incontrolados que se detectaron en pistas forestais de Riamontes. Nesta zona hai uns 15 días recolleuse outro  punto de lixo de grandes dimensións. Debido a iso dende a Concellaría de Medio Ambiente inciden na importancia de coidar o medio ambiente e fan un chamamento ao sentido común e civismo da veciñanza. O persoal da devandita brigada procedeu á recollida destes puntos de xeito manual, realizando despois unha separación adecuada para poder ser depositados no Punto Limpo para o seu posterior tratamento.

Dende a Concellaría de Medio Ambiente, que está traballando na conservación do recursos naturais e o mantemento do equilibrio ecolóxico, apélase unha vez máis á colaboración cidadá co fin de evitar que este tipo de condutas incívicas se repitan, e informa a todos os amesáns que abandonar residuos en lugares non autorizados, ademais de contribuír á contaminación ambiental e afear a contorna, poden supoñer sancións económicas que dependendo da gravidade poden ir dende 900 euros ata 9.000 euros.

Esta semana o persoal da brigada medioambiental recolleron dous novos vertedoiros incontrolados nunha pista forestal de Riamontes, preto da Ruta da Auga e do Monte de San Marcos. Un deles estaba composto por cristais, mentres que outro tiña todo tipo de obxectos e voluminosos vellos de uso doméstico como electrodomésticos, botes, latas, xoguetes, botellas e bolsas de plástico, perchas, etc.

Punto Limpo e recollida de voluminosos

O Concello de Ames lembra que hai a disposición da veciñanza amesá un número de teléfono, o 981 191 240, para a recollida de residuos voluminosos (como mobles, cadeiras, colchóns). Neste número débese indicar o tipo de residuo que se quere tirar e establécese o punto onde se debe deixar (na maioría dos casos xunto ao colector de lixo máis próximo á vivenda) e o día no que se fará a recollida.

Ademais, Ames conta cun Punto Limpo, situado na rúa das Hedras do Polígono do Milladoiro, ata o que poden achegarse todos os cidadáns que queiran desfacerse daqueles obxectos e materiais que non van aos colectores convencionais de materiais orgánicos, inorgánicos, vidro ou papel. O centro abre de luns a venres de 10:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 18:00 horas. Os sábados, o horario é de 9:00 h a 14:00 horas e de 16:00 h a 20:00 horas. O teléfono de contacto é o 981 536 688.

12 de xaneiro de 2017 | 19:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.