publicidade hoxe

O CGAI trae a España a obra cinematográfica do pintor luso Luís Noronha da Costa

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaGalicia exteriorLocal Portada
A-
A+

O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) trae por primeira vez a España a obra fílmica do pintor Luís Noronha da Costa, a partir deste xoves 19 de xaneiro, en tres sesións comisariadas pola Asociación Lumière e programadas en colaboración coa Cinemateca Portuguesa. O luso é coñecido principalmente en Portugal pola súa obra pictórica, de marcado carácter neorrealista, na que hai referencias habituais á historia da arte, mesmo mímeses doutros cadros, que desenfoca intencionadamente.

Os seus lenzos están trufados de presenzas fantasmagóricas de tradición gótica e de composicións que crean pantallas dentro doutras, nun estilo inconfundible que lle valeu o premio europeo de pintura en 1999, concedido polo Parlamento Europeo. As súas obras, louvadas polos especialistas, téñense mostrado en lugares do talle do Museo Serralves ou na Bienal de Venecia.

Pero ademais da pintura, Noronha da Costa practicou outras disciplinas como a escultura, a arquitectura ou o cine. En 2004, a exposición Noronha da Costa Revisitado, organizada no Centro Cultural de Belém, en Lisboa, permitiulle á Cinemateca Portuguesa rescatar e reivindicar a faceta máis descoñecida do artista como realizador cinematográfico. Esta acción puxo en valor ‘O Construtor de Anjos’, o seu último filme, rodado en 1978 e hoxe considerado un clásico do cine portugués independente. Nesta historia, ambientada nun convento, un conxunto de rapaces comeza a desaparecer de maneira misteriosa.

A influencia dos filmes góticos da Hammer

O estilo non está moi lonxe do de ‘D. Jaime ou a Noite Portuguesa’, feita catro anos antes e na que, como indican os comisarios do ciclo, “asistimos a unha serie de visións irónicas e eróticas, ou ben históricas, de virxes perversas e de sádicos irrisorios, resucitados todos eles do romanticismo alemán e británico, mentres os decorados non deixan de ser ben portugueses”. Estes son filmes góticos de pantasmas, profundamente influídos pola obra de Terence Fisher, o mítico director da produtora Hammer, quen fixera todos eses clásicos de terror con Peter Cushing e Christopher Lee.

Mais a aproximación de Noronha da Costa é algo distinta. Considerado un dos grandes cineastas da vangarda portuguesa dos anos setenta, o ciclo intenta ante todo recuperar as súas curtametraxes máis abstractas feitas en 16 mm., que estarían máis preto da pintura pola que é máis coñecido. Cun equilibrio entre ambos os dous mundos, este cineasta debuxa unha traxectoria de cine fantástico orixinal que non ten equivalente. O ciclo ábrese este xoves, coa presenza do comisario Francisco Alagarín, da asociación Lumière, quen virá como experto a todas as sesións para presentar a obra do artista e contextualizala en profundidade. Así, o CGAI ofrece unha oportunidade única de descubrir un mestre do cine fantástico e de vangarda que será unha sorpresa ata para o público máis cinéfilo.

17 de xaneiro de 2017 | 16:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.